Saúde

O párkinson non afecta por igual homes e mulleres: estes son os síntomas en cada caso

Factores xenéticos, hormonais, neuroendocrinos e moleculares provocan as diferenzas do párkinson en homes e mulleres. (Foto: Nós Diario)
Un estudo presentado por profesionais da Sociedade Española de Neuroloxía pon de manifesto as diferenzas por sexo no avance desta doenza neurodexenerativa.

Un novo estudo do proxecto 'Coppadis', impulsado polo Grupo de Estudo de Trastornos do Movemento (GETM) da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN), e que foi publicado recentemente no Journal of Clinical Medicine, vén de evidenciar que o párkinson non afecta de igual forma a homes e mulleres.

"Este é o primeiro estudo realizado no Estado español que analiza as diferenzas por sexo na enfermidade de párkinson nunha gran cohorte de pacientes, 410 homes e 271 mulleres, e é un dos maiores estudos realizados até a data en todo o mundo", explicou o autor principal deste traballo e investigador do GETM, Diego Santos.

En concreto, varios factores xenéticos, hormonais, neuroendocrinos e moleculares son os que parecen estar implicados nas diferenzas na patoxenia da enfermidade de párkinson entre homes e mulleres. De feito, xa se sabe que a incidencia e prevalencia da enfermidade é entre 1,5 e 2 veces maior en homes que en mulleres e que o inicio da enfermidade en mulleres é lixeiramente máis tardío que nos homes.

Deste estudo despréndese que síntomas como depresión, fatiga e dor son máis frecuentes e severos en mulleres, mentres outros como hipomimia —diminución na expresión facial—, problemas da fala, rixidez e hipersexualidade son máis comúns nos homes.

Por outra parte, e sobre todo a curto prazo, os homes con párkinson mostran unha maior tendencia a desenvolver unha maior discapacidade relacionada cos síntomas non motores da enfermidade. Pola contra, as mulleres ven máis afectada a súa capacidade funcional para realizar as actividades da vida diaria e a percepción de perda de calidade de vida tamén é xeralmente maior nelas.

Outra diferenza que mostra o estudo é que parece que as mulleres reciben, en xeral, doses máis baixas de medicación específica para a enfermidade de párkinson, malia que axustando a dose polo peso non se observan diferenzas entre ambos os xéneros. Pola contra, as mulleres consomen antidepresivos, benzodiazepinas e analxésicos con maior frecuencia.

"Na nosa análise tamén detectamos outras moitas diferenzas entre homes e mulleres con enfermidade de párkinson. Por exemplo, que as mulleres teñen máis probabilidades de vivir soas, que teñen un menor nivel educativo, que consomen máis fármacos para outras enfermidades ou que teñen máis risco de padecer depresión, case o dobre que os homes. Porén, certos hábitos nocivos, como o tabaquismo e o consumo de alcol, son significativamente máis frecuentes en homes", resolveu Santos.