Parir en Verín requirirá dun consentimento informado reforzado

A veciñanza de Verín seguirá mobilizándose por unha sanidade pública de calidade, tamén no rural (Irene Pin).
A contratación inminente de dous pediatras para Verín permitirá reabrir a atención aos partos "nos primeiros días de febreiro". Ao anuncio do Sergas seguiron as palabras do presidente Feixoo, quen adiantou que as xestantes que queiran parir no hospital comarcal deberán asinar "un consentimento informado reforzado".

Nove días despois do seu nomeamento como directora do distrito sanitario de Verín, Guillermina Agulla anunciou a contratación de dous pediatras que permitirá a reapertura da sala de partos "nos primeiros días de febreiro", dous meses após a súa clausura.

A través dun comunicado, a xerente do Hospital de Verín avanzou, ademais, que o Sergas está traballando "na redacción dun novo protocolo cos servizos hospitalarios implicados que permita retomar a atención aos partos", con toda a seguridade e garantías para as crianzas.

Desde o servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do hospital comarcal, o seu xefe, Javier Castrillo, asegura que non foron convocados a ningunha mesa de traballo para crear un novo documento, "e non aceptaremos ningún protocolo no que non participemos. Se se acorda elaborar un novo, terá que ser consensuado", afirma en declaracións a Nós Diario.

Consentimento "reforzado"

Sobre a declaración do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na que adiantou que farán "un consentimento informado reforzado para que as familias que queiran seguir parindo en Verín" poidan facelo, o xefe de Xinecoloxía mantén que non sabe nada. "Non sei se o dixo con intención, pero empregou un termo pouco afortunado que conduce a unha interpretación equivocada. Non vai haber un risco especial. Aquí lévase a cabo a actividade médica e cirúrxica acorde coa dotación do hospital", incide.

O consentimento reforzado, aclara, "ten que ver coa protección de datos e unha mellor identificación dos pacientes", e é un dos consentimentos deseñados pola Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia dos que botan man. Con todo, Castrillo recoñece que no seu servizo non adoitan entregar consentimentos informados cando se trata dun parto, "xa que non é algo que se elixe", como unha cirurxía programada. Desde o Sergas, de momento, non dan máis detalles.