As parellas que non convivan poderán verse nestas semanas de restricións

A Xunta crea a "unidade de convivencia ampliada", que lles permitirá saltarse a norma de que só están autorizadas interaccións sociais con convivintes baixo o mesmo teito. O DOG tamén establece que durante estas semanas de semiconfinamento pode irse a cultos relixiosos ou de caza de xabarín e lobro. 

Esta madrugada principiaron as tres semanas de novas restricións na Galiza anunciadas esta segunda feira por Núñez Feixoo. Unhas medidas nas que se fixaba que só se permitirían as xuntanzas de persoas conviventes. Mais o DOG publicado na noite desta terza feira (apenas una hora antes da entrada en vigor das restricións) recolle excepcións: como a que permite que parellas e matrimonios que non convivan poden verse durante este período de case-confinamento. Iso si, non poden para iso saltar o feche perimetral.

As persoas que na Galiza viven en solitario poderán afrontar as vindeiras tres semanas sen se sentir soas grazas a esa "unidade de convivencia ampliada".

“As persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada" e aclara que "cada unidade de convivencia pode integrar soamente a unha única persona que viva soa".

Así mesmo, tamén quedan exentos de cumprir a norma de que só se permiten reunións familiares, sociais e lúdicas de persoas que pertencen ao mesmo núcleo ou grupo de convivencia os casos de menores de idade cuxos proxenitores non conviven no mesmo domicilio e os matrimonios ou parellas que viven en casas diferentes.

Ir a misa, si: O DOG contempla que se permitirá acudir a lugares de culto, nos que se deberá respectar unha capacidade dun terzo do templo e unha distancia de 1,5 metros entre as persoas asistentes.

Fumar ou beber pola rúa: Prohíbese fumar, comer ou beber “en movemento” pola rúa

Hostalaría: Fica suspendida toda actividade económica que non sexa esencial. Isto tradúcese, entre outras cuestións, en que todos os locais de hostalaría deberán permanecer fechados e tan só abrirán para entregas a domicilio e recollidas de encargos.

Caza: Fican excluídas das restricións á mobilidade e feche perimetral as relacionadas coa  "caza colectiva exclusivamente sobre xabarín e lobo".

Isto non afectará os comedores do ámbito laboral, que poderán seguir ofrecendo comidas aos traballadores dos centros aos que están adscritos.

Deporte: A súa práctica estará restrinxida ao modo individual, ao aire libre e sen saír do propio concello. Iso implica o feche de ximnasios e outros establecementos interiores. A excepción a esta norma serán as competicións de ámbito estatal e internacional, mentres que seguen pechadas as de ámbito autonómico.

Así mesmo, será obrigatorio o uso de máscara sempre, tamén para correr e facer actividade física na rúa, aínda que se poida garantir a distancia física de dous metros con outras persoas.

Comercio: Os establecementos non considerados esenciais continuarán abertos pero adiantarán a hora de peche ás 18:00 horas e seguir respectando as restricións de capacidade máxima, situada no 50%. Ademais, os centros comerciais non poderán abrir durante a fin de semana.

Pola contra, negocios como supermercados, tendas de alimentación, farmacias e talleres mecánicos, entre outros, poderán operar até as 21:30 horas -ás 22:00 entra en vigor o toque de recoller- por si estar considerados servizos esenciais.

Cultura: Suspéndese a actividade de museos, bibliotecas, teatros, auditorios ou calque4ra outro establecemento cultural ou de espectáculos.

Ensino: As universidades retomarán as aulas de modo telemático o 8 de febrero. O ensino de réxime especial (escolas de música, idiomas…) suspenden aulas presenciais.

Centros sociais: Féchanse todos os centros sociais e similares, como clubs de xubilados ou centros sociosanitarios. Non afecta aos centros de día