'Ai, Pardiñas, dasme vida', unha viaxe ás orixes do festival máis popular

Este documentario foi a peza gañadora do III Concurso de Cinema de Roca. Conversamos con Irene Pin, a súa autora. 

Irene Pin é autora do documentario Pardiñas, dasme vida, a peza gañadora do III Festival de Cinema de Roca, un encontro que premia o audiovisual vencellado á música e no que a autora lucense presentou un filme arredor do Festival de Pardiñas. 

Ai, Pardiñas, dasme vida xurdiu como un "proxecto libre", algo feito "pola miña conta" alén dos estudos de Comunicación Audiovisual que está a cursar na USC. "Ía ir ao festival pola miña conta e pensei, de paso fago un documentario". Foi na pasada edición de 2015 cando gravou as entrevistas que compoñen a cinta centrada nas orixes do festival repasadas da man das persoas organizadoras mais tamén dos grupos musicais que compuñan o cartaz ese ano. A peza foi editada para se adaptar ás bases do concurso e dos 50 minutos iniciais ficou media hora de relato audiovisual. 

Pardiñas ten un aquel de "festa tradicional" que mantén a esencia que lle deu orixe hai trinta e sete anos

"Quería enfocar tamén o significado do modelo de festival" que representa Pardiñas, asegura Irene Pin en conversa con Sermos Galiza, medio no que colabora como bolseira. E é que Pardiñas ten un aquel de "festa tradicional" que mantén a esencia que lle deu orixe hai trinta e sete anos. Unha festa popular que aos poucos e da man da Asociación Xermolos foi incorporando máis grupos e tamén mostras artesanais, teatro e mesmo exposicións fotográficas. 

No documentario partillan espazo grupos como Os diplomáticos, Nao, Sés ou Mero --que este ano será, xunto co seu inseparábel Mini, pregoeiro-- con algunhas das persoas que integran Xermolos e coñecen á perfección a evolución do Festival de Pardiñas cuxa pistolada de saída, este ano, está prevista esta sexta feira e até o domingo. 

Quizais non podo vivir diso mais o importante é facelo

Dar voz á crise de persoas refuxiadas

Irene Pin non subida en sinalar que é no cine documental onde gostaría de centrar a súa carreira profesional, algo que sabe de antemán difícil. "O panorama está un pouco negro", afirma. Así as cousas, acrecenta, "quizais non podo vivir diso mais o importante é facelo" pois "o documental non necesita medios enormes" a respeito da ficción. "Importa máis o que queres dicir". 

E após o triunfo no Festival de Cinema de Roca xa ten outros proxectos en mente. Para comezar, a mediados do mes de setembro viaxará xunto con outra compañeira, Begoña Fernández, a Grecia e xa están a preparar un documentario intitulado 'Fronteiras do humano'. Un proxecto co que queren "construír un discurso coherente e comprometido, coa solidariedade como bandeira" arredor da crise de persoas refuxiadas, explican e para o que lanzarán unha campaña de crowdfunding. "Axúdanos a quitarlle o mute", din.