Os "parches" da Xunta na exclusión sanitaria a inmigrantes tapan só o 10% dos casos

Acción en San Caetano [Imaxe: FGI]

A denuncia realizárona en San Caetano as organizacións Foro galego da inmigración, SOS Sanidade pública, Médicos do mundo e a Asociación galega de medicina familiar.


"A exclusión sanitaria das persoas inmigrantes é unha fronteira invisíbel", denunciou o Foro galego de inmigración nunha acción reivindicativa realizada esta terza feira perante os edificios administrativos da Xunta de Galiza, cadrando coa celebración da Semana de loita contra as fronteiras.

Canda SOS Sanidade pública, Médicos do mundo e a Asociación galega de medicina familiar presentaron no rexistro de San Caetano unha denuncia en que fan constar "as vulneracións" no acceso á asistencia sanitaria que sofren as persoas inmigrantes na Galiza.

Así as cousas, para alén de exixiren a derrogación do RD 16/2012, aprobado polo Goberno español e que afectou máis de 9.000 cidadás e cidadáns no noso País, o voceiro do FGI, Miguel Fernández, queixouse tamén das eivas do Programa galego de protección social á saúde pública, posto en marcha pola Xunta mais que "non evitou a perda fundamental do dereito á saúde".

Na denuncia rexistrada, os cinco colectivos sinalan as "importantes limitacións" que ten a medida da consellaría de Sanidade, que cualifican de "parche" con carácter "graciábel e transitorio". 

Ao fío, Miguel Fernández alertou da exixencia de 183 días de empadroamento que estabelece para poder gozar dun dereito fundamental, así como a dificultade na difusión da información que provocou que "non chegase aínda a todas as persoas ás que debera". Aliás, afastou dos centros de saúde moit@s afectad@s pola exclusión por "medo" a non seren atendid@s. Reclamou, neste sentido, unha difusión "clara" que permita cubrir o conxunto da poboación ao que vai dirixido.