Lucía Aldao e Quico Cadaval toman posición sobre o affaire Rober Bodegas

Humor sen cancelas ou sátira á beira do racismo?

Rober Bodegas durante un monólogo. Fonte: Youtube

O humorista Rober Bodegas fixo saltar a polémica sobre os “límites do humor” cando a canle Comedy Central emitiu un monológo onde brincaba con estereotipos de ciganos. Xente como Lucia Aldao ou Quico Cadaval dan aquí a súa opinión sobre o humor e as súas fronteiras, de as ter.

Natural de Carballo mais afincado en Madrid, o cómico que fora imaxe da marca Estrella Galicia saltou ás pantallas de smartphones e conversas de sobremesa dos últimos días. Rober Bodegas, gañador de El rey de la comedia en 2007, tivo que facer fronte a numerosas críticas en redes sociais e medios de comunicación após a canle Comedy Central emitir un monólogo do pasado ano no que o carballés, perante os aplausos do público, brincaba sobre ciganos, tirando de tópicos e prexuízos sobre o colectivo.

 

As reaccións non se fixeron agardar, nomeadamente das propias persoas ciganas. O programa Rromani PativDignidade Xitana en romaní– da Rede Antidiscriminatoria Cigana referíase a Bodegas como un “fillo san e mimado do racismo estrutural”. Pola súa banda, o monologuista adoptaba unha actitude defensiva cun comunicado no que estendía as súas desculpas “ás persoas que se sentiran ofendidas”, sen asumir ningún erro de base na súa actuación ao entender que “non hai que esperar pedagoxía nin didáctica na comedia cando se dirixe a persoas adultas”.

 

A actuación de Rober Bodegas resulta, segundo a valoración de Lucia Aldao, “abertamente racista, se até fala de raza”

 

Após as ameazas que recibiu a consecuencia dese monólogo, o cómico declaraba que denunciaría os feitos ante a Policía, ao tempo que xustificaba que durante a súa traxectoria sempre tivo “predilección por falar de tabúes ou temas controvertidos, falei e rinme nos meus shows de violencia machista, suicidio, terrorismo islámico, animalismo, cancro, pederastia…”

 

O humor é unha cousa moi seria

 

Lucía Aldao, poeta coruñesa e integrante do dúo cómico Aldaolado, defende a idea de que “se pode facer humor sobre absolutamente todo”. Non obstante, a artista puntualiza que o emprego da sátira acostuma estar dirixida cara ao poder, polo que entende que este non debe ser dirixido cara a colectivos desfavorecidos. “Cando estás enriba dun escenario e tes un traballo presuponse unha profesionalidade, unha sofisticación do humor”, explica.

 

A actuación de Rober Bodegas resulta, segundo a valoración de Aldao, “abertamente racista, se até fala de raza” e non ten nada a ver co “politicamente correcto”. "Estaste metendo cunhas persoas que bastante teñen xa, que non hai quen lles alugue un piso ou lles dea un curro digno, sofren unha marxinalidade moi bestia, a ditadura do politicamente correcto non vale aquí", afirma.

 

O humorista e dramaturgo Quico Cadaval defende o dereito á liberdade de expresión, “a dicir o que un queira sen perigo”

 

A liberdade de expresión, pois, pasa tamén por asumir as súas consecuencias a respecto do impacto que poden ter determinadas declaracións públicas. “Se colles un micro e dis burradas collendo a parte polo todo dun colectivo, é posíbel que haxa unhas consecuencias sociais, que Rober Bodegas xa está a padecer, hai unha sanción social porque hai xente que di que disto non nos rimos”, engade.

 

Chistes sobre galegos na Arxentina

 

Pola súa banda, o humorista e dramaturgo Quico Cadaval defende o dereito á liberdade de expresión, “a dicir o que un queira sen perigo”. O ribeirán non atopa un motivo suficiente para agredir —física nin verbalmente— o cómico carballés polas súas palabras, aínda que entende que puidese causar ofensas. “Hai persoas que din que a elas non lles ofende nada, mais quen di iso é porque está nunha posición social moi favorecida para que poida non importarlle. A Amancio Ortega, por exemplo, dánlle igual os chistes que digan sobre el”, expón. Cadaval ve nos chistes cara a colectivos desfavorecidos un "recurso fácil" cun matiz distinto aos ataques cara a clases sociais máis privilexiadas.

 

Con todo, o actor entende que, nos actuais mecanismos de mercado, “se non che gusta o que di alguén es libre de non consumir o contido ofensivo” ou, por outro lado, facer uso do "dereito a discutilo e criticalo”, sen nunca chegar á coerción. Pon de exemplo, botando a vista cara outras polémicas semellantes, aquela publicación arxentina de chistes galegos, ofensivos e humillantes para o colectivo. “Tivera moito éxito de vendas e Fraga pediulle ás autoridades arxentinas que prohibiran o libro. Ese impulso prohibicionista aparece e daquela fora moi soado porque era unha intromisión noutro país cun automatismo autoritario, no que probablemente Fraga tivo un retroceso e se reencarnou no ministro franquista que foi”, conclúe.