A “parálise” da Consellaría acrecenta entre profesorado e familias a incerteza sobre o vindeiro curso

Aula (Europa Press)

CIG-Ensino apela directamente á conselleira a que abra “de inmediato” a negociación da planificación para o vindeiro curso

A maior parte das comunidades principiaron as conversas e negociacións para ter preparado e previsto o inicio do vindeiro curso escolar, 2020-21, que estará marcado polas consecuencias da pandemia do coronavirus e as normas da “nova normalidade”.

Mais entre esas comunidades non está Galiza, apontan desde CIG-Ensino, que critican que o noso país estea a “quedar atrás” nun tema que “mantén en vilo a profesorado, persoal non docente a familias, e que non pode deixarse nas mans da improvisación ou de tácticas electorais”.

O sindicato, o máis representativo no ensino público, apela directamente á conselleira a través dunha carta a que abra “de inmediato” a negociación da planificación para o vindeiro curso.

Dúas semanas despois da última Mesa Sectorial, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, vén de urxir por carta a Carme Pomar “a que poña enriba da mesa unha proposta para o desenvolvemento do curso 2020/21, que debe pasar polo aumento do profesorado e a diminución das ratios como principais garantías sanitarias para toda a comunidade educativa”.

Na carta lémbralle que así o comprometeu o director xeral de Educación e FP na última Mesa Sectorial “convocada exclusivamente para falar da Orde que regula o calendario escolar 2020/21”.  

“ Nestes momentos a comunidade educativa e as familias están pendentes e preocupadas ante unha parálise que entendemos que responde exclusivamente a tácticas electorais. Pero o ensino público galego precisa tranquilidade, rigor e planificación e non pode seguir secuestrado e a mercede dos cálculos e estratexias elctorais do Partido Popular”, explica o sindicato.