Para un Nadal de noso

axenda_o_castinheiro_o_apalpador

Cantares de Reis, Apalpador, bacallau con coliflor, o tizón de Nadal... Tradicións que non se perderon van da man con outras que se están a recuperar e con novos hábitos e costumes. 

Aquí non viña ningún home barbado vestido de vermello e branco. Tiñamos un carboeiro que baixaba das montañas con castañas para as crianzas. A tradición creou unha morea de maneiras de conmemorar o solsticio sen centros comerciais nin importadas modas comerciais. 

1.- Os cantares de Nadal e Reis

Así como noutros ámbitos as tradicións non están moi arraigadas, nos cantos, a raíz é fonda. Segundo as celebracións, a historia musical popular ofrécenos panxoliñas, arrolos ou romances para o 24 e 25 de decembro: xaneiras ou aninovos e manoeles para o fin e inicio do ano e os cantares de reis ou aguinaldos para o 6 de xaneiro. 

Para se achegar a esta tradición musical é moi recomendábel, por exemplo, o volume O Quiquiriquí que publicou a Asociación de Gaiteiros Galegos recollendo a cultura e a tradición do Nadal Galego. 

2.-Sobremesas non só de améndoa

De ir á tradición, en moi escasas ocasións a améndoa aparece nas sobremesas. Por este tempo, os doces galegos acostumaban ser compotas de peras ou mazás, a torta de chicharróns ou o arroz con leite. En Verín era tradición tomar unha sopa de améndoa, nada a ver, en todo caso, co turrón que agora está presente en todas as mesas. 

3.- Bacallau con coliflor, o prato que se mantén

Malia que as datas mudaron moito e tenden á homoxeneizarse, cos mesmos adornos, adobíos e mesmo ementas, o bacallau con coliflor á moda galega continúa impóndose na cea de Noiteboa. A orixe está en que a véspera de Nadal foi durante moito tempo vixilia no calendario eclesiástico e iso facía que as carnes quedaran fora da mesa dese especial día. A vixilia desapareceu mais o costume ficou e son aínda moitas as casas nas que nesta noite se sinte o arrecendo forte da verdura mesturada co bacallau ao que logo se acompaña de aceite de oliva cru. 

O capón de Vilalba, a galiña de Mos ou o galo de Arzúa teñen tamén presencia no Nadal con prestancia galega. Poden non ter tanta historia nas nosas mesas agora, son produto de calidade e estanse a impoñer con forza. Dos mariscos, malia non seren antes tan apreciados convertéronse xa hai anos no produto estrela das festas. 

4.- O Apalpador

A gran figura que cada ano se volve máis forte. O carboeiro que baixa nestas datas do Courel e apalpa as barrigas dos nenos para deixarlles unha presada de castañas ten xa unha chea de libros e cancións para recuperalo. A figura é sempre a mesma, grande, bonachón, con gorro, roupas remendadas e gorro. Unha personaxe nada a ver co home de branco e vermello que chega con moito barullo e repítese até a saciedade. 

5- O Belén

Por toda a xeografía atopamos beléns con algún interese, agora, de ter que quedarnos con un, tiramos para Ourense e alá nos atopamos unha alfaia do escultor Arturo Baltar, toda unha institución que mostra en escala a arquitectura tradicional galega. Moita sabedoría, moita man artesán e moito amor á Terra neste belén de Baltar. 

6.- O Natarego ou tizón de Nadal 

Pode ser que a do tizón de Nadal ou Natarego sexa unha das tradicións máis esquecidas do Nadal mais, tal e como está a facerse grande o Apalpador quen sabe se, daquí a uns anos, non lograremos que o tizón alumee tamén nas nosas casas. Para saber en que consiste, nada mellor que acudir ao parlamento de Otero Pedrayo para coñecela: 

"É un cañoto grande dun árbore, que nas montanas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a mitá, e o que queda gárdano pra cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, pra arredar o pedrazo e os raios. Nalgús lados, semella que aproveitan a borralla pra botaren nos eidos, o cual sí que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén tén relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume.

O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de Hespaña. En Cataluña vén ser o que chaman o tió, no que baten os nenos da casa pra que lles bote dulces, que os pais lle meten dentro.

A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellos.

7.- Agasallos con conciencia

Quen máis quen menos deixase levar nestes días polo lado escuro do consumismo. De non poder resistir a tentación, sempre será mellor para todos e todas facelo ao xeito e, para iso, convidamos a botar unha ollada a agasallo.eu, a páxina que ten recomendacións a esgalla para, de mercar, mercar produtos bos e na nosa lingua. Moi de tradición non é, agora, nada mellor para un Nadal de noso. 

8.- Consellos para non 'consumirte' no Nadal

Preciso realmente mercar isto? De que está feito? Canto vai durar? Pode ser reciclado? Hai alternativas mellores? Son algunhas das preguntas que desde Adega recomendan que a xente se faga antes de mercar algo. Incitan a procurar alternativas en todos os ámbitos que permitan un consumo máis responsábel no Nadal e tamén todo o ano. Publicaron un manual de boas prácticas de consumo para estas festas natalicias. ‘Por un Nadal eco-lóxico’, disponíbel na súa páxina web