De papas, escaravellos e avelaíñas

A pataca é orixinaria dos Andes Chilenos e Peruanos. A primeira mención ao cultivo de patacas en Galiza é do século XVI no Mosteiro de Herbón, onde medraron tamén os primeiros pementos, se ben o seu cultivo se xeneralizou no século XVIII.

Está estes días a pataca de actualidade. E non por festas ou manifestacións derivadas dos baixos prezos. Non, agora é por unha praga que está a se estender con rapidez, a couza ou traza, de pasaporte guatemalteco. O seu nome: Tecia solanivora Povolny ou tamén Scrobipalpopsis solanivora Povolny.

O escaravello

Non é esta a primeira. Das pragas, digo. Antes chegou o escaravello. O escaravello foi a grande loita levada adiante polos labregos para se librar dun bichiño que, de adulto, veste a raias de cores negra e amarela, como o Peñarol de Montevideo. Sabemos que chegou a Galiza cara ao verán de 1939, procedente de non se sabe moi ben onde, posibelmente desde Franza, embora a súa orixe é de por alá da parte das Montañas Rochosas, mais viñer de onde viñer, popularizou a idea de ser tirado desde avións. Catro anos máis tarde, cara a 1943,  estaba por toda a parte. Ao principio, para combater a praga, empregáronse métodos manuais, si, recollida a man, de un en un. E ao lume con eles. Máis tarde xa chegou o arseniato de chumbo, ou de calcio. E comezou o uso a serio dos insecticidas na Galiza. 

A couza ou traza
Agora desembarca a couza e isto ten traza de vir para ficar. Como a velutina ou ese outro becho que come nos eucaliptos. 

Pero o da couza da pataca é algo que impacta, alén de na economía de, polo de agora, 31 concellos, directamente na nosa memoria alimentar. Canta fame non nos tiraron de enriba o millo e a pataca!!

Lenzo de lágrimas para o pobre

Sobre a importancia e a abundancia do cultivo da pataca na primeira metade do século XIX Juan Manuel Bedoya, na Memoria sobre el desagüe de la laguna Antela ó de la Limia, en la provincia y obispado de Orense, reino de Galicia (ano de 1841) di: “Cógese mucha patata, que no tiene más años que el maiz, raíz benéfica que nunca burla la esperanza de su cultivador, paño de lágrimas del pobre en los años de escasez, y objeto de execración de los desapiadados usureros”

Hai pois abundancia de pataca na Limia polo ano de 1840. Dinos ademais Bedoya que a chegada da pataca a Antela coincidiu coa chegada do millo (no tiene más años que el maiz). Está Bedoya a nos dicer que a pataca se instalou na Limia cara a 1760 pois, unhas paxinas antes da cita anterior sitúa a chegada do millo 80 anos atrás (de 1841).

Cóllese moita pataca e é esta comida habitual, cando non única. Lamas Carvajal, no Catecismo do labrego, fai que este diga: “pensando nas veces que polo día adiante se lle abre a ún a boca e se lle vai o estómago xa canso de non dixerir máis que patacas cando as hai pra comelas en cachelos, e sin sal moitas veces”

Tamén Rosalía en Cantares Gallegos nos ofrece unha pequena ementa: podemos escoller entre patacas asadas ou patacas con nabizas. Non hai máis. En Ruínas non hai moita máis opción, patacas con auga e sal. Por iso chama moita a atención a elaborada receita que no Hospital de Santiago preparaban para os bebés, antecedente sen dúbida dos tarriños que logo comercializou Nestlé.

Na súa condición de produto de primeira necesidade axiña o refraneiro se encheu de referencias quer ao período de sementeira ou recollida quer ao seu valor nutritivo:


As patacas de xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro.

As verzas quéroas untadas; as patacas, fariñentas e pra compango do porco, quero costelas salpresas. 

Bótesme tarde, bótesme cedo, ata o maio non me ves o pelo.

En xullo arder, as patacas coller

Se queres comer patacas por San Xoán, seméntaas cando o pan

Val máis bocado de vaca que catro de pataca.

Non ficou alleo o cantigueiro á influencia da pataca:

Heime de casar contigo;/ que demoro pode ser,/ anque houbo pouco maínzo,/ pataquiñas ha de haber.
Pataquiñas ao almorzo,/ pataquiñas ao xantar,/ á merenda, pataquiñas/ i á noite castaña ao lar
Polo que teño probado/ o comer fai o caracter,/ despois de comer patacas/ non vin de bo xenio naide.

Mesmo as adiviñas:

Que cousa cousiña é
que ten ollos e non ve,
ten pés e non anda
e por dentro toda é branca

As papas do Hospital Real de Santiago.

A pataca forma parte da nosa alimentación, ás veces tamén se ten usado como medicamento, desde a metade do século XVIII, sendo especialmente recomendada para a alimentación infantil. 

No folleto titulado Cartilla ó método que se observará en la Inclusa del gran Hospital Nacional de Santiago para con sus expósitos  dispuesta por la Junta Interina del mismo, ao tratar da alimentación dos bebés a partir dos 7 meses, recomenda:

”Se les puede ya conceder, con tiento e espacio, las papillas algo mas substanciosas y espesas.

Se cuentan como tales, las cremas recargadas de cebada. 

Es preferible la de patata, hecha con su almidón, leche, azúcar, hiema de huevo y agua de azar”

Aí teñen a primeira receita, e que ben debía saber, dos  tarriños.

Despois chegaron as empresas especialistas en alimentación infantil cos seus tarros de vidro cheos de comida preparada.

Mais iso é outra historia.

 

Imaxes interiores: Anuncio no xornal La noche, Santiago e Forest112.