O Papa autoriza a bendición de parellas do mesmo sexo mais cun importante matiz: non poderá "imitar o rito do matrimonio"

O documento do Vaticano profunda no tema das bendicións, distinguindo entre as bendicións rituais e litúrxicas, e as bendicións espontáneas que se asemellan máis a xestos de devoción popular. (Foto: Nós Diario)
A bendición "nunca se realizará ao mesmo tempo que os ritos civís de unión, nin tampouco en conexión con eles; nin sequera coas vestimentas, xestos ou palabras propias dun matrimonio", concretan desde o Vaticano.

O Papa Francisco vén de aprobar un documento doutrinal que permite a bendición de parellas entre persoas do mesmo sexo e outras que a Igrexa católica cualifica de "irregulares" mais cunha condición: non poderá "imitar o rito do matrimonio". Segundo informa o portal oficial do Vaticano, Vatican News, con esta declaración, a 'Fiducia supplicans', do Dicasterio para a Doutrina da Fe, aprobada polo Papa, será posíbel bendicir parellas formadas por persoas do mesmo sexo... pero á marxe de calquera ritualización e imitación do matrimonio.

Así, na declaración explícase que ante a petición de dúas persoas de seren bendicidas, aínda que a súa condición de parella sexa "irregular", será posíbel que o ministro ordenado dea o seu consentimento, pero sen que este xesto conteña elementos nin remotamente parecidos a un rito matrimonial. O documento profunda no tema das bendicións, distinguindo entre as bendicións rituais e litúrxicas, e as bendicións espontáneas que se asemellan máis a xestos de devoción popular. Precisamente, nesta segunda categoría é onde se contempla agora a posibilidade de acoller tamén a quen non viven segundo as normas da doutrina moral cristiá pero piden ser bendicidos.

'Fiducia suplicans' comeza cunha introdución do prefecto do Dicasterio, o cardeal Víctor Fernández, quen explica que a declaración profunda no "significado pastoral das bendicións", permitindo "ampliar e enriquecer a súa comprensión clásica" a través dunha reflexión teolóxica "baseada na visión pastoral do Papa Francisco". Unha reflexión que, asegura, "supón un verdadeiro desenvolvemento a respecto do dito até o de agora sobre as bendicións", chegando a incluír a posibilidade "de bendicir a parellas en situación irregular e a parellas do mesmo sexo, sen validar oficialmente o seu status nin modificar en nada o ensino perenne da Igrexa sobre o matrimonio".

Tras os primeiros parágrafos, nos que se lembra o anterior pronunciamento de 2021, agora ampliado, a declaración presenta a bendición no sacramento do matrimonio declarando "inadmisíbeis os ritos e oracións que poidan crear confusión entre o que é constitutivo do matrimonio" e "o que o contradí", para evitar recoñecer de ningún modo "como matrimonio algo que non o é". Así, reitérase que, segundo a "perenne doutrina católica", só se consideran lícitas as relacións sexuais dentro do matrimonio entre un home e unha muller.

Un segundo capítulo analiza o significado das diversas bendicións, que teñen como destino persoas, obxectos de devoción e lugares da vida. Lembra que "desde un punto de vista estritamente litúrxico", a bendición require que o que se bendí "sexa conforme á vontade de Dios expresada nos ensinos da Igrexa". En todo caso, precísase que quen pide unha bendición "móstrase necesitado da presenza salvadora de Deus na súa historia", porque expresa "unha petición de axuda a Deus, unha súplica por unha vida mellor", polo que engade que esta petición debe ser acollida e valorada "fóra dun marco litúrxico", cando se atopa "nun ámbito de maior espontaneidade e liberdade".

Desta forma, sinala que, consideradas desde a perspectiva da piedade popular, "as bendicións deben valorarse como actos de devoción" e engade que, para conferilas, non é necesario, por tanto, esixir como condición previa unha "perfección moral previa". Profundando nesta distinción, sobre a base da resposta do Papa Francisco á 'dubia' dos cardeais publicada o pasado mes de outubro, na que pedía discernir sobre a posibilidade de "formas de bendición, solicitadas por unha ou varias persoas, que non transmitan unha concepción errónea do matrimonio", o documento afirma que este tipo de bendición é "ofrecida a todos".

Indícase tamén que existen "diversas ocasións nas que as persoas acoden espontaneamente a pedir unha bendición, quer en peregrinacións, en santuarios ou mesmo na rúa cando se atopan cun sacerdote", e en tales bendicións "ninguén pode ser excluído". Neste sentido, puntualiza que, quedando prohibido activar "procedementos ou ritos" para estes casos, o ministro ordenado pode unirse á oración daquelas persoas que, "aínda que estean nunha unión que de ningunha forma pode parangonarse ao matrimonio, desexan encomendarse ao Señor e a súa misericordia, invocar a súa axuda".

O terceiro capítulo da declaración abre a posibilidade destas bendicións, que representan un xesto cara a quen "recoñecéndose desamparados e necesitados da súa axuda, non pretenden a lexitimidade do seu propio status, senón que rogan que todo o que hai de verdadeiro, bo e humanamente válido nas súas vidas e relacións, sexa investido, santificado e elevado pola presenza do Espírito Santo".

A bendición "nunca se realizará ao mesmo tempo que os ritos civís de unión, nin sequera coas vestimentas, xestos ou palabras propias dun matrimonio", matiza a Igrexa

Estas bendicións, segundo sinala, non deben ser estandarizadas, senón confiadas ao "discernimento práctico nunha situación particular". Aliás, proponse que "na oración breve que pode preceder esta bendición espontánea, o ministro ordenado podería pedir para eles a paz, a saúde, un espírito de paciencia, diálogo e axuda mutuos, pero tamén a luz e a forza de Deus para poder cumprir plenamente a súa vontade".

Tamén se aclara que, para evitar "calquera forma de confusión e escándalo", cando unha parella do mesmo sexo pida a bendición, "nunca se realizará ao mesmo tempo que os ritos civís de unión, nin tampouco en conexión con eles". "Nin sequera coas vestimentas, xestos ou palabras propias dun matrimonio". Así, exponse que este tipo de bendición "pode atopar o seu lugar noutros contextos, como a visita a un santuario, o encontro cun sacerdote, a oración recitada nun grupo ou durante unha peregrinación".