As panxoliñas, unha tradición que na Galiza se remonta ás cantigas de escarnio

Alumeado de Nadal en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Os expertos defenden distintas orixes dos vilancicos no país.

A interpretación de vilancicos de Nadal, como reflexo da celebración da Natividade de Xesucristo ou da Adoración dos Reis Meigos, é unha tradición que, no caso das composicións en galego, ten data de nacemento, segundo os expertos.

Aínda que é certo que todo o mundo asocia os vilancicos ou as 'panxoliñas' á música do Nadal, tamén o é que nin os primeiros foron pensados exclusivamente para as celebracións de Nadal, nin as segundas teñen o seu nome desde hai moito tempo.

Iso é o que defende o doutor en Historia da Arte e da Música e profesor, Juan Pérez Berná. Para el, os vilancicos naceron como unha composición lírica, de ton elevado, "ao modo das Cantatas de Bach, que nada tiñan que ver co Nadal", e que trataban temas profanos.

A partir dos séculos XV e XVI estendéronse e "evolucionaron dentro da Igrexa" como parte da liturxia, e interpretábanse durante as celebracións solemnes de Pascua, de Nadal ou en calquera outra ocasión “especial” dentro do calendario relixioso. Estas interpretacións nos templos, con varias voces e músicos profesionais, tiveron un gran éxito, especialmente os vilancicos da época do Nadal, e tanto foi así que acabaron por seren prohibidos, ao considerar as autoridades eclesiásticas e políticas que as igrexas "se acabaran convertendo case en teatros".

O musicólogo e profesor emérito da USC, Carlos Villanueva, explica que os vilancicos litúrxicos escritos en galego aparecen regularmente a comezos do século XVII. Con todo, non apareceron na Galiza, senón na Corte, en Madrid. Trátase, como sostén Villanueva, de composicións ligadas á Capela Real e aos seus "conventos satélite", como o da Encarnación (o seu 'abade perpetuo' era o Cardeal de Santiago).

Felipe Senén remóntase até a Idade Media

Dunha idea diferente é o antropólogo Felipe Senén, quen, logo de afirmar que Galiza “ten unha riqueza simbólica e mitolóxica que non a ten ninguén”, sinala que “tirando do fío, antes das panxoliñas como tal xa hai unhas cantigas de escarnio e de maldicir, unhas cantigas de amigo, un mundo de autos sacramentais onde se presenta a vida e a morte de Cristo, en moitas ocasións representada teatralmente cantando”.

Cando os vilancicos do Nadal se converteron en panxoliñas

Nas últimas décadas, na Galiza estendeuse o uso da palabra panxoliña para facer referencia a esas cancións do Nadal que aluden ao nacemento de Xesús ou á visita dos Magos. Trátase dun termo relativamente recente, que algúns estudosos, como Xesús Alonso Montero, sitúan nos anos 50 e 60 do século XX.

"A palabra 'panxoliña' (do latín Pange Lingua) é unha acomodación recente das cancións populares que antes se chamaban Cantos de Reis, Aninovos, chanzonetas ou simplemente vilancicos, e que acabou tendo éxito, pero non é correcto chamar panxoliñas ás composicións de Pacheco ou Melchor López", precisou Carlos Villanueva.

O Nadal na música popular galega

Paralelamente á interpretación de vilancicos en ámbitos solemnes relixiosos, este tipo de cancións tamén evolucionaron no ámbito popular, e son precisamente agora esas panxoliñas de creación popular as máis estendidas.

Nas aldeas galegas, os veciños "sacaban da igrexa" os vilancicos litúrxicos para interpretalos polas casas e pedir así o aguinaldo. Dáse a circunstancia, tal e como di o músico, profesor e investigador de música tradicional, Chisco Feijóo, de que en moitas ocasións as letras desas cancións eran 'deformadas' até o punto de que se pronunciaban frases sen sentido.

"Simplemente porque cantaban de ouvidas, o que aprenderan na igrexa, e non sempre o entendían", sinalou, e puxo o exemplo dunha panxoliña popular que el mesmo recolleu dunha "informante" que cantaba "producial de viño ao velo", cando a letra orixinal dicía "producto divino del Verbo".

Segundo sinalou Feijóo, a tradición das panxoliñas cantadas nas aldeas da Galiza seguía un "protocolo". "Primeiro pedíase licenza, porque nas casas podía haber unha enfermidade ou un loito. Se daban permiso cantábanse unhas estrofas dos vilancicos (aprendidos na igrexa), e a festa continuaba coa interpretación doutras músicas e danzas tradicionais xa pagás, nas que se eloxiaba á casa e aos seus moradores para recibir así máis aguinaldo", relatou.

Estas manifestacións culturais e lúdicas, no entanto, non eran exclusivas do Nadal ou Noiteboa, tamén era costume "cantar os Aninovos, os Cantos de Reis, ou cantar as xaneiras ou Manueles", precisou, e engadiu que, nas parroquias onde estas celebracións do Nadal coincidían cos santos patróns, engadíanse as danzas, que tamén eran unha boa escusa para acudir casa por casa a 'reclamar' o aguinaldo.