Pantón declárase concello libre de eucaliptos

Ribeiras do Miño, Pantón. Fotografía: Concello de Pantón

O pleno municipal aprobou pr unanimidade a declaración, sumándose así ao camiño iniciado por Folgoso do Courel o pasado mes de abril.

 

Pantón, na comarca da Terra de Lemos, tamén se declara concello libre de eucaliptos, seguindo así a Folgoso do Courel, primeiro municipio en Galiza en adoptar en pleno municipal unha decisión neste sentido. No pleno de Pantón o apoio á declaración foi unánime, tanto do goberno local (PP, 7 dos 11 concelleiros), como do BNG (2 edís) e PSdeG (2).

 

A declaración adoptouse a raíz dunha moción presentada polos nacionalistas, que advertía de que, embora no concello non houbese grandes extensións desta especie, si que nos últimos temos xa comezan a verse algunhas plantacións. De aí precisamente a importancia deste tipo de decisións, e que se adopten por unanimidade.

 

Entidades ambientalistas e ecoloxistas denuncian desde hai tempo a 'eucaliptización' de Galiza. “Na Galiza o eucalipto atinxe 500.000 hectáreas e aumentando”, denunciaban a comezos de ano desde Adega, Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza. Ocupa case o 17% de todo o territorio galego. Por iso, os ambientalistas apostan en prohibir o eucaliptus nitens por invasor e fixar moratoria para o globulus.

 

Estes colectivos, canda entidades como a dos montes veciñais en man común, son moi críticos coas políticas da Xunta en materia forestal, sinalándoa como responsábel de permitir a "eucaliptización".