Os pans galegos que podes degustar este domingo

A festa do pan de Carral é este domingo, 30 de maio (Foto: Nós Diario).

Co gallo da Exaltación do Pan de Carral repasamos algúns dos pans propios da Galiza máis saborosos

 

A situación sanitaria obrigou ao  Concello de Carral a cancelar, este ano a súa tradicional Festa  do Pan, unha celebración gastronómica para exaltar ao seu produto estrela: o pan de Carral. Con todo, e co obxectivo de poñer en valor este e outros produtos locais, o Concello organizará este domingo, 30 de maio, unha xornada de exaltación que arrancará ás 13 horas no campo dá  feira.

A actividade incluirá un showcooking a cargo de Iago Cagiao, Premio Picadillo Cidade da Coruña 2019. Así mesmo, como parte do evento haberá tamén unha maridaxe por parte de Miguel Viña, responsábel da tenda de alimentación Mundo Gallego.

Porén, o pan non é unha especialidade exclusiva de Carral, senón que en moitos outros lugares do país desenvolvese coas súas propias características. Eis algunhas das máis populares:

Pan de Neda

Con referencias históricas que se remontan até a idade media, é un tipo de pan de forte sabor e moita miga que se pode comer nada máis sacalo do forno, e que mesmo pode ser consumido até dúas semanas despois de ser enfornado. 

Pan de Cea

A chave deste pan é a fariña, elaborada con trigo de San Cristovo de Cea. Coa súa forma alongada e redondeada nos extremos, o seu característico corte no centro dálle unha imaxe única a un pan que destaca pola súa grosa codia e esponxosa miga.

Pan de Ousá

San Xiao de Ousá é unha parroquia de Friol da que é orixinario un pan con forma de bola ou en rosca, húmido e compacto, que se elabora con fariña do país e remata cun distintivo corte transversal.