A pandemia xa provocou 701 mortes desde que chegou a Galiza

Traballadoras sanitarias nunha zona de realización de PCR. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O número de contaxios na última xornada foi de 224 mais o cómputo de casos positivos reduciuse en 16. Dos cinco falecementos de onte un rexistrouse nas propias instalacións da residencia DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei.

O coronavirus xa se cobrou máis de 700 vítimas desde que comezaron a darse os primeiros casos desta enfermidade no país, aló polo inicio do ano. En concreto, coas cinco mortes de onte xa son 701 as e os finados pola Covid-19, 82 desde o pasado mes de agosto coa "nova normalidade".

Un dos datos máis preocupantes que está a deixar o virus entre a poboación é a cantidade de mortes que está causando na Galiza. Hoxe, após dunha xornada moi negativa, a Dirección Xeral de Saúde Pública informou de que xa se traspasou a fronteira das 700.

Os últimos falecidos foron unha muller de 56 anos que estaba ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro; un varón de 56 que permanecía no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOP) e outra muller de 77 anos que era atendida no Hospital Lucus Augusti (HULA).

Así mesmo, de todas as vítimas, un home faleceu nas instalacións do centro residencial DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, que leva semanas intervido pola Xunta.

Ao estabelecer os cálculos segundo a información que facilita nos seus partes a Consellaría de Sanidade, até 310 das e dos finados estaban vinculados a xeriátricos. 142 deles faleceron nas propias residencias e outras 168 en hospitais ou residencias integradas. En calquera caso, o certo é que o 44% dos pasamentos gardaron unha relación coa xestión dos gromos nas residencias.

Por áreas sanitarias

No que se refire exclusivamente aos contaxios, entre a noite desta terza feira e onte, rexistráronse 224 positivos novos. É unha suba que contrasta co número de casos activos, que baixou lixeiramente até os 4.306 (15 menos).

De todas as doentes, 28 permanecen nas UCI e outras 201 nas unidades de hospitalización dos centros hospitalarios da nazón. A maioría da xente garda corentena na casa e recibe chamadas de seguemento por parte de persoal sanitario.

Cando xa se practicaron 410.517 probas PCR, a área sanitaria da Coruña e Cee perde un doente con respecto a onte e queda con 1.236 veciños e veciñas aínda baixo o control. No caso de Lugo, produciuse unha caída de 9 enfermas e enfermos, até quedar en 772, e en Compostela rexistrouse o descenso máis importante de casos activos con 24 menos. Agora hai 635 afectadas.

No extremo contrario sitúanse Pontevedra con 584 positivos (7 máis); Vigo con 394 (sete a maiores); Ourense con 503 e a suma de 3 persoas e Ferrol, novamente con 182 pacientes.