A pandemia deixa un 'exceso de mortes' de 2.190 persoas na Galiza até o 10 de xaneiro

Imaxe de arquivo dun tanatorio (Foto: Europa Press).
A cifra de persoas falecidas aumentou na Galiza un 6,28% en 2020 respecto ao ano anterior

A cifra de persoas falecidas creceu na Galiza un 6,28% en 2020 respecto ao ano anterior (1.959 defuncións máis) e repunta un 12,3% nas dúas primeiras semanas de 2021 en taxa interanual (231 mortes máis), segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este exceso de mortes de 2.190 persoas é superior en 731 persoas ao de 1.459 mortes que era a cifra oficial da Xunta de falecidos por coronavirus a 10 de xaneiro, segundo recolle na súa páxina web. A día de hoxe, o último dato oficial sitúase en 1.659 falecementos na Galiza por Covid.

En concreto, o INE publica esta cuarta feira unha estatística experimental no marco da súa información para a análise do impacto da crise da Covid-19, que é a estimación do número de defuncións semanais durante a pandemia.

Esta estatística recolle que Galiza suma 1.592 mortes nas dúas primeiras semanas de 2021, que son 231 máis que as do mesmo período do ano anterior.

O incremento foi do 12,3% na segunda semana do ano, con 852 mortes en total. Por provincias, neses sete días, A Coruña ten un aumento das defuncións do 25,26%, seguida por Ourense cun 16,54% máis e de Pontevedra cun 6,24% máis. Pola contra, en Lugo baixan as mortes un 7,26%.