Unha pandemia "case imposíbel" de predicir: Investigadores recoñecen unha situación preocupante

(Foto: Europa Press)
As incertezas que rodean a mobilidade mais o comportamento da poboación dificultan o traballo dos investigadores que buscan anticipar a evolución e o impacto da pandemia a través de modelos matemáticos. Con todo, apuntan distintas dinámicas e novos gromos. 

O número de casos activos por coronavirus na Galiza segue á alza. Nas últimas 24 horas detectáronse 79 positivos máis, a maioría na área sanitaria da Coruña-Cee, que segue á cabeza con 371 casos, 69 máis que na última xornada e máis da metade do total rexistrado en territorio galego: 670 casos activos.

A pandemia avanza e a canda ela a preocupación das autoridades sanitarias e dos expertos, que malia ás evidencias das dúas últimas semanas, nas que se anotaron incrementos constantes, aínda non se atreven a afirmar que esteamos ante a segunda onda de contaxios. Pola contra, recoñecen as dificultades para predicir a súa chegada e, polo tanto, a evolución da epidemia nas próximas datas.

"Hai moitas incertezas que dificultan unha predición", di Jorge Mira

Para Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do proxecto Predico sobre modelos de predición dinámica de escenarios de afectación por Covid-19 a curto e medio prazo, estamos nun contexto de "grandes incertezas" que complican calquera predición certeira como a que ofreceron no pasado.

Nos peores días da pandemia, un grupo de investigadores integrado polo catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto, así como por Iván Area, da Universidade de Vigo, mais Delfim Torres e Faiçal Ndaïrou da Universidade de Aveiro -Portugal-, realizou unha serie de simulacións que situaban o máximo número de casos da pandemia arredor do 5 de abril, data prevista para as eleccións galegas, que finalmente houbo que adiar.

Difícil predicir

Nesa primeira fase da pandemia traballaron con modelos matemáticos clásicos, "que exixen unha xeografía humana estábel, como a que se deu durante o confinamento", explica Jorge Mira, quen agora apunta "unha xeometría social" máis variábel que os fai menos útiles.

"Non debemos  desprezar o risco de contaxio", defende Caamaño Isorna

"O comportamento humano cambiou con cada fase da epidemia e do desconfinamento. A sensibilidade da xente mudou", o que significa que, con cada variación, o virus atopou un escenario diferente no que se propagar con maior ou menor comodidade.

Mira estabelece un símil cos incendios que estes días calcinan os montes galegos. "O lume, como o virus, é o mesmo, mais dependendo das condicións do terreo que comeza a arder, avanzará con máis ou menos virulencia e os danos resultantes, serán, en consecuencia, máis ou menos graves". Neste sentido, o catedrático da USC mantén que "somos responsábeis da situación que temos. Se colectivamente actuamos de forma neglixente, o virus gañará terreo, se o facemos de maneira razoábel, lograremos limitar o seu impacto".

Neste escenario cambiante, determinado pola aparición de "pequenos focos", Galiza presenta unha dinámica propia "que non se pode comparar co que acontece noutros territorios do Estado como Aragón ou Catalunya", apunta Jorge Mira. "Cada comunidade presenta unha realidade distinta, e en función desta adopta unhas medidas concretas que non responden a un criterio consensuado. Facer predicións fiábeis nestas circunstancias é practicamente imposíbel", engade Juan José Nieto Roig, investigador do proxecto Predico. Froito desta disparidade, que leva a uns concellos a realizar probas PCR de forma masiva entre a súa poboación, como ocorre nalgunhas comarcas catalás, e a outras a impor determinadas medidas preventivas, como sucede agora na comarca da Coruña, con distintos graos de severidade segundo o municipio do que se trate, Nieto Roig sinala certa "confusión" e moitos factores incertos que impiden un prognóstico claro da progresión da epidemia a medio ou longo prazo.

Con todo, conclúe, "os datos son preocupantes. O número de casos vai en aumento e o virus vai seguir entre nós moito tempo", polo que cómpre reparar na evolución diaria da Covid-19 para actuar con inmediatez.

Mais sen descoidar a capacidade de predición doutros modelos que tamén están a considerar dentro do proxecto Predico. "Os modelos non paramétricos talvez sexan os máis útiles agora mesmo", indica Jorge Mira, "xa que nos permiten analizar secuencias experimentais de datos", é dicir, "extraer un comportamento determinado e modelalo", un estudo que "reproduce pequenos picos" e que apunta cara á aparición de novos gromos.

Redes sociais

O coordinador do Proxecto Predico, que conta con financiamento do Instituto de Saúde Carlos III, destaca aínda unha terceira liña de investigación centrada nas redes sociais, que xa empregaron para anticipar certas predicións no caso doutras enfermidades, sinala o catedrático de Análise Matemática Juan José Nieto Roig, unha alternativa que busca analizar cambios de comportamento e complementar os datos derivados do uso de modelos clásicos e non paramétricos.

"A responsabilidade individual é chave"

"Creo que a estas alturas aínda non se pode falar dunha segunda onda de contaxios por coronavirus na Galiza, tal como a vivimos a primeira", afirma Francisco Caamaño Isorna profesor e director do departamento de Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Con todo, recoñece que estamos ante unha situación complicada, agravada por dúas semanas consecutivas de incremento dos casos activos, con novos focos detectados en distintos lugares do territorio galego.

"Cando saímos do confinamento falabamos de dous casos detectados por cada 100.000 habitantes cada 14 días, hoxe estamos en perto de 30 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, e subindo, o que nos obriga a tomar medidas", advirte Caamaño Isorna, quen defende a incompatibilidade do ocio nocturno coa situación actual da pandemia. "Calquera modelo de ocio que implique a aglomeración de persoas non é compatíbel co control dos contaxios, máis aínda nun contexto propicio para de consumo de alcol", que relaxa a atención e aumenta os descoidos. 

A canda este factor de risco, o profesor da USC sinala o incremento da mobilidade. Segundo as últimas estimacións do Servizo Galego de Saúde, 65% dos novos focos de coronavirus detectados na Galiza son "importados", orixinados por persoas desprazadas desde outros territorios que veñen de visita ou que regresan á casa procedentes do exterior. "O turismo vai sempre asociado a un incremento do risco de contaxio e da probabilidade de trasladar as transmisións dun destino a outro", recalca Francisco Caamaño Isorna, unha evidencia que xa se coñecía e sobre a que as autoridades políticas tiveron que tomar unha decisión "difícil", recoñece.

Mellor rastrexo 

Desde o punto de vista da saúde pública, o experto da USC asegura que o máis importante agora é seguir investindo nas tarefas de rastrexo de casos. "Aínda non dispoñemos dun sistema de rastrexo bo. Precisamos que sexa máis potente, tamén co fin de anticiparnos aos meses do outono". Doutra banda, incide na necesidade de seguir insistindo na responsabilidade individual, "na conveniencia de movernos tan só no noso grupo de convivintes e de limitar ao máximo o contacto con outros grupos". Puntualmente defende o encontro con algunhas persoas da nosa elección en lugares exteriores, mais sempre respectando a distancia de seguridade. "Se non interiorizamos esta idea, vai ser moi complicado lidar coa situación, xa que un de cada tres casos asintomáticos pasan desapercibidos. Nin os mellores mecanismos de rastrexo son capaces de detectalos".

Presión asistencial

A respecto da primeira vaga de contaxios, Francisco Caamaño Isorna identifica agora unha presión asistencial máis reducida. "Primeiro porque as persoas de maior idade decidiron apartarse e protexerse, e segundo porque as persoas que máis se están contaxiando agora son as de menor idade, cuxa probabilidade de requirir asistencia médica é menor".

Un feito positivo, indica, ao que hai que sumarlle, tamén, a capacidade de detección do sistema de saúde público. "O número de contaxios aumenta pero o nivel de detección é moi superior ao que tiñamos no mes de marzo, o que nos leva a outra conclusión necesaria, e é que non podemos comparar os datos que se están rexistrando agora mesmo cos acadados no inicio da pandemia". Neste sentido, engade Caamaño Isorna, o sistema sanitario tamén se viu reforzado para soportar unha carga asistencial que pode empeorar en poucos meses.

Con todo, estes elementos que convidan a unha lectura máis optimista "non nos deben levar a caer na autocompracencia nin a desprezar o risco dun posíbel contaxio, xa que en calquera momento a situación pode complicarse.

O punto de inflexión, sinala, pode chegar co fin do verán. "Con setembro volveremos ao traballo, a encerrarnos en espazos fechados, a tomar o café dentro dos locais en vez de nas terrazas, volveremos a compartir o transporte colectivo e a ocupar as escolas, e todo isto incrementará as posibilidade de transmisión do novo coronavirus.