Así é o novo protocolo de vixilancia da Covid-19

As probas diagnósticas só se realizarán ás persoas vulnerábeis e os casos graves (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).
Todo o que precisas saber sobre as últimas mudanzas aprobadas por Sanidade no que atinxe ás corentenas, detección de casos de coronavirus, uso da máscara e asistencia a eventos deportivos.

A Comisión de Saúde Pública do Estado acordou esta terza feira actualizar o protocolo de vixilancia fronte á Covid-19. Deste modo, a partir da vindeira segunda feira os casos leves e asintomáticos deste coronavirus non deberán manter illamento nin gardar corentena, que queda suprimida tamén para os contactos estreitos.

Aliás, as probas diagnósticas practicaranse ás persoas vulnerábeis ou que traballen en ámbitos de vulnerabilidade, así como para os cadros sintomáticos graves.

Por outra parte, esta cuarta feira o Consello Interterritorial, do que forman parte o Ministerio de Sanidade e os seus homólogos territoriais, acordou volver permitir a venda e o consumo de bebida e comida nos estadios da Liga Nacional de Fútbol Profesional e os da competición de Baloncesto ACB.

Este acordo ratifica 100% de capacidade para os estadios de fútbol de Primeira e Segunda División e para os partidos de baloncesto da ACB. Sobre o consumo de alimentos e bebidas, o Ministerio de Sanidade explicou que se permitirá tanto o consumo como a venda en recintos deportivos sempre que se garanta tamén a sectorización dos postos de venda nos devanditos recintos e que non se produzan aglomeracións.

No que atinxe ao uso da máscara en interiores, a ministra, Carolina Darias, volveu insistir en que a súa supresión chegará "máis cedo que tarde".

"A pandemia aínda non rematou", advirte a OMS

Noutra orde, a Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu esta cuarta feira do auxe de casos da Covid-19 a nivel mundial que se está a producir nos últimos días, con grandes gromos en Asia ou Europa, e lembrou que "a pandemia non rematou".

"En varios países rexistráronse as taxas de mortalidade máis elevadas desde o inicio da pandemia. Todos queremos deixar atrás a pandemia pero por moi forte que sexa este desexo, a pandemia non rematou", manifestou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom. A respecto diso, reiterou que até que non exista unha alta cobertura de vacinación no mundo, os países estarán en risco de que xordan infeccións e de que aparezan novas variantes que eludan as vacinas.

Algúns países de renda alta, salientou, "propoñen unha segunda dose de reforzo e, namentres, un terzo da poboación mundial segue sen recibir a vacina. Con todo, hai indicios de progreso alentadores", explicou. Neste senso, puxo de manifesto o exemplo de Nixeria, onde a cobertura aumentou radicalmente cando se estabilizou o abastecemento e se planificaron vías para a distribución eficaz das vacinas.

Por iso, reiterou que o obxectivo debe ser chegar a 70% da poboación vacinada "en todos os países" antes de mediados de 2022. "O logro desta meta é fundamental para salvar vidas, evitar o risco de Covid persistente, preservar os sistemas de saúde e mellorar a inmunidade da poboación", subliñou.