A pandemia agrava a "crise demográfica" da Galiza

Nenos e nenas entrando nun colexio. (Foto: EP).

Un informe do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica demanda a acción pública para garantir a participación "activa" da administración local neste eido.

Un informe do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica de xaneiro deste ano, remitido ao Parlamento pola Consellería de Política Social no marco da comisión impulsada para a reactivación económica e social da Galiza, ratifica que a pandemia introduce novas ameazas para a crise demográfica que haberá que afrontar con medidas como o reforzo da acción pública garantindo a participación "activa" da administración local.

O documento incorpora unha análise 'DAFO' -de debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades- derivado da irrupción da Covid-19 e os seus efectos na Comunidade. Entre as debilidades, por exemplo, sitúa as limitacións derivadas "da falta dunha comprensión en profundidade do cambio demográfico".

Pero tamén ratifica que a pandemia "está a agravar o xa acusado atraso na emancipación residencial e na autonomía persoal" nos máis novos, apunta á "deficiente atención" ao papel dos maiores na sociedade e alerta do "incremento da preexistente inestabilidade e precariedade laboral" dunha parte "importante" da poboación, as dificultades de conciliación ou as dificultades de mobilidade e o freo á inmigración.

De feito, no apartado de ameazas, aínda que alude á "carencia de datos", de momento, que permitan determinar o impacto exacto da Covid-19, si apunta que se espera no "curto prazo" un descenso da natalidade (xa moi baixo) debido a resposta da mesma "aos shocks económicos e ao desemprego", así como ao "maior atraso na emancipación da mocidade".

A todo iso súmase o clima de incerteza económica, pero tamén "de toda índole", xerado pola pandemia, acompañado dun incremento da vulnerabilidade e da percepción de inseguridade.

Pero ademais constátase que a actual pandemia pon en evidencia "as vulnerabilidades dunha poboación en proceso de envellecemento aínda que se descoñece se se se vai a alterar a tendencia xeral positiva da esperanza de vida".

E para afrontar esta ameaza, o Observatorio expón varias cuestións, como trasladar á sociedade que todas as persoas son "vulnerábeis" e que é "fundamental" a responsabilidade individual dentro do colectivo, na procura "do ben común". E tamén dar outros pasos, como visibilizar o cambio no perfil sociolóxico da vellez ou atender aos efectos derivados da "feminización" da vellez.