(Pan)carta dirixida á conselleira de Traballo contra a ''sobreexplotación laboral'' nos centros de benestar

Imaxe da carta que @s traballador@s de Benestar da Coruña dirixiron á consellaría.

Xornadas laborais "abusivas e estresantes", incumprimentos en prevención de riscos, insuficiencia de persoal e "minoración" na atención directa aos e ás usuarias. Son as denuncias que o Comité de empresa dos centros dependentes de Benestar transladaron a Beatriz Mato nunha 'misiva' de 7 metros de longo por 1,5 de ancho. 


O Comité de empresa dos centros dependentes da consellaría de Traballo e Benestar na Coruña dirixiron á titular deste departamento, Beatriz Mato, unha carta de 7 metros de longo por 1,5 de ancho en que lle transladaron máis unha vez o seu rexeitamento ás consecuencias que os recortes practicados desde a Xunta están a ter na atención aos e ás usuarias.

Así, denuncian xornadas laborais "abusivas e estresantes" que carrexan "sobreexplotación laboral" e fan "imposíbel" a conciliación da vida persoal e profesional para @s traballador@s, os "incumprimentos" en que redunda a consellaría en materia de prevención de riscos, a insuficiencia de persoal, a "minoración" de medios e materiais que repercute na atención directa ás persoas e que non se lles entregue a roupa axeitada para desenvolver a súa actividade.

A intención da carta-pancarta que entregaron no rexistro da xefatura territorial da Coruña foi denunciar públicamente a "nefasta" xestión de Mato e a "falta de diálogo" que mantén de cara ao Comité de empresa á hora de procurar unha solución que satisfaga as demandas d@s traballador@s.