Palmar longo, o músculo que non ten 15% da poboación mundial por mor da evolución

Á esquerda, un brazo co palmar longo; á dereita, outro que carece deste músculo. (Foto: Emol)
É o músculo cuxa presenza varía máis dun corpo a outro, e a súa ausencia oscila entre 1,5 e 63,9% da poboación mundial en función do país.

A especie humana está en permanente evolución, mais isto non se produce ao mesmo ritmo en todos os casos. Moitas persoas aínda conservan trazos característocos de épocas pasadas, como acontece co palmar longo —ou maior—.

Este músculo pertence aos flexores superficiais do antebrazo e está presente en, aproximadamente, 85% da poboación mundial, o que supón que o 15% restante, por mor do paso do tempo e o proceso de evolución, carece del na actualidade.

Un estudo elaborado en 2015 por persoal investigador da Universidade Aristóteles de Thessaloniki (Grecia) sinala que a presenza deste músculo "varía máis que calquera outro do corpo humano".

Así, precisan que a súa ausencia pode oscilar, en función do país, "entre 1,5 e 63,9%". Os investigadores concluíron que até 63,9% das persoas estudadas en Turquía para este traballo —7.000— carecen deste músculo, mentres no extremo oposto da balanza ficaría Zimbabwe, con 1,5% de ausencia na súa poboación.

Preséntase con "moitas anomalías diferentes" e o seu papel é "insignificante", afirman no estudo, motivo polo que, cada vez con máis frecuencia, desaparece nas xeracións futuras "sen prexuízo ningún para a función do antebrazo ou o pulso".

Como sei se teño o palmar longo?

Para saber se alguén fai parte dese 15% da poboación mundial que non ten este músculo só se precisa estirar o brazo e a man e xuntar o dedo polgar co maimiño. Á altura do pulso, na metade, en 85% das persoas aparecerá ese fino músculo.

Xuntando o polgar co maimiño saberase se o músculo está presente ou non.

Segundo as últimas investigacións, a ausencia do palmar longo é máis frecuente en mulleres e no brazo esquerdo. De feito, algúns estudos apuntan tamén que as persoas zurdas teñen 3,7 máis posibilidades de careceren do músculo —ou, visto doutro modo, as persoas que non teñen o palmar longo teñen 3,7 máis opcións de seren zurdas—.