COOPERACIÓN

Pallasos en Rebeldía súmase ás actividades do Fisahara en apoio ao pobo saharauí

A asociación quere condenar as condicións en que vive a poboación nos campos de refuxiad@s viaxando ao territorio cunha delegación de cinco artistas que encabeza Iván Prado

Unha delegación de Pallasos en Rebeldía partirá cara aos campamentos de refuxiadas e refuxiados saharauís para actuar no marco da programación do Fisahara 2012, que dará comezo nesta terza en Dajla. A asociación de cooperación internacional únese a este evento para repudiar desde o seu propio territorio "as constantes violacións aos dereitos humanos de que está a ser vítima, máis unha vez" o pobo saharauí. E é que, tras a guerra que durou de 1975 a 1991, este pobo vive refuxiado no deserto do Sahara Occidental, privado do seu dereito á autodeterminación.

Así as cousas, será Iván Prado, o director do Festiclown Palestina e voceiro de Pallasos en Rebeldía, quen encabece a delegación. Acompañado polo acróbata Anselmo Siesto --da Cia Kanbahiota--, o mago Pablo Muñoz --da Cia Good Idea Company--, a malabarista e zancuda Andrea Floriach --delegada de Pallasos en Rebeldía en Eivissa-- e Ernest Vila, realizarán espectáculos de maxia, clown, roda alemá e malabares, ademais dun pasacalle --neste caso 'pasaarea'-- durante a proxección de curtas para público infantil e durante o concerto das dunas, en que tocará un grupo saharauí.

A condena que Pallasos en Rebeldía fai da situación en que malvive este pobo "é extensa e firme" para todas as accións que limiten o libre exercicio dos dereitos das persoas. Alén disto, a asociación fixo público o seu apoio ás refuxiadas e refuxiados saharauís nun manifesto en que reproba "enerxicamente" a estratexia xeopolítica mundial "que fai posíbel que esta situación de violación constante dos dereitos humanos poida seguir perpetrándose".