O país onde cada ano hai 90 novas aldeas pantasmas

Galiza abeira os 2.000 núcleos deshabitados, 800 máis que hai oito anos, e acolle outros 2.000 con 1 ou dous habitantes. Ao tempo, e nestes primeiros seis meses de 2018, perdemos 3.850 habitantes.

 

Galiza perdeu 7.000 habitantes no ano pasado, 2017. Nos seis primeiros meses de 2018 perdemos 3.850 residentes. Emigración (máis de 365.000 galegos marcharon do país nas dúas últimas décadas) e baixa natalidade (Con 7 nacementos por cada mil habitantes só superamos, en todo o mundo, o ratio de Mónaco, con 6,7) son dous dos factores responsábeis da sangría demográfica do país. Factores que veñen determinados por motivos e circunstancias económicas, sociais, políticas…Cada hora que pasa, Galiza ten un habitantes menos.

 

O devalar demográfico, a concentración poboacional nas zonas urbanas (41%dos galegos viven en 70 das 3.790 parroquias que hai en Galiza, 70 parroquias que supoñen apenas o 1,2% da superficie galega), as mudanzas sociais e económicas, o abandono do rural… son elementos dunha combinación que deixa unha das súas imaxes en que no noso país hai na actualidade case 2.000 núcleos de poboación deshabitados. Son 800 máis dos que había en 2010 (1.200). Nestes anos, logo, cada ano que pasaba deixaba de media 94 aldeas deshabitadas no noso país, lugares onde xa non vive ninguén, núcleos pantasma.

 

Ademais, outros 2.000 núcleos teñen só 1 ou 2 habitantes. É cuestión de tempo que fiquen abandonados. Ademais, por volta de 9.000 aldeas en Galiza teñen menos de 10 residentes.

 

Esta desertización poboacional tamén comeza afectar a parroquias enteiras. San Salvador de Soutomerille, no concello de Castroverde, e San Martiño de Rebordondo, en Monterrei, son dúas parroquias onde xa non vive ninguén. Cero habitantes, segundo as estatísticas do IGE. Noutrora terían, como o resto de parroquias do país, núcleos de poboaión, veciñanza, festas parroquias, tarefas e traballos mais xa non fica nin quen poida ter memoria daquela época. Un risco que paira sobre outras sete, que teñen menos de 5 veciños. As parroquias con menos de 10 habitantes son 31.

 

En venda

 

A mediados de 2016 eran máis de 40 aldeas e 129 pazos e casas señorais en Galiza nos que penduraba o cartel 'véndese'. A cifra vai en aumento ano a ano. Algún dos bens á venda destacan que gozan da catalogación de “patrimonial” pola Xunta.