O país das 1.614 aldeas abandonadas (e as 2.000 a piques de estalo)

Imaxe: Galicia Única

O número de núcleos deshabitados en Galiza non para de medrar, un indicador máis dun proceso de despoboamento e 'desertización' do rural que obriga a repensar o territorio.

Somos un país con 1.614 aldeas abandonadas e 1.960 a piques de estalo, pois teñen 1 ou 2 habitantes. pobadores, ademais, dunha avanzada idade. En só un ano (2014), ficaron sen xente 75 aldeas, mentres que outras 25 traspasaban a 'liña vermella' e pasaban ter só 1 ou 2 veciños. Emigración (máis de 483.000 galeg@s tiveron que marchar do país nestes 24 anos) e baixa natalidade (8 nacementos por cada 1.000 habitantes, a segunda taxa máis baixa de todo o Estado español) son dous factores a ter en conta para explicar isto, mais non os únicos. Cuestións económicas, sociais, mesmo culturais teñen que ser tidas en conta para avaliar o que é un dos grandes retos que ten o país: a desertización que chega a grandes áreas do rural.

En 2012 o Instituto Nacional de Estatística documentaba 1.408 aldeas deshabitadas en Galiza. En dous anos, pois, aumentou ese grupo en máis de 200 aldeas. Un ritmo desolador. Máxime se se compara coa nosa contorna. En Asturies hai 690 aldeas abandonadas, tamén unha cifra preocupante. Mais en Cantabria son 4 e en Euskadi, 12. En Castela-León, 242.

A idea estendida é que este proceso de abandono é propio das provincias interiores de Galiza, as máis 'rurais', Lugo e Ourense. Mais non, é un proceso que afecta tamén, e non pouco, a A Coruña e Pontevedra. En Lugo hai rexistradas 692 núcleos que ficaron sen veciñanza, na Coruña 623. Un total de 153 aldeas están abandonadas en Pontevedta e 146 en Ourense.

Trasvase

O 41,2 por cento dos galegos viven en 70 parroquias das 3.790 que hai en Galiza, 70 parroquias que supoñen apenas o 1,2% da superficie do noso país. Máis dun millón cento cincuenta mil persoas concentradas en menos de 348 kilómetros cadrados dos perto de 30.000 que ten Galiza. Hai 70 parroquias en Galiza cualificadas como ZDP (Zonas Densamente Poboadas). Hai 8 zonas así identificadas no país e que se corresponden coas sete grandes cidades e a área de Vilagarcía-Cambados.

O 24% da poboación galega viven en zonas pouco poboadas (ZPP ‘superbaixa’) e que ocupan o 87,5% do territorio galego. De calcularmos as densidades de poboación en ambas as dúas zonas a diferenza saltaría aínda máis á vista. Na ZDP a densidade é de 3.316 habitantes por kilómetro cadrado mentres na ZPP ‘superbaixa’ é de 25,6.