O 'Pacto de Pedre' segue sen cumprirse nove meses despois do accidente de autobús

A ponte onde decorreu o sinistro de autobús, en Cerdedo-Cotobade. (Foto: Europa Press)
Os alcaldes seguen a reclamar melloras na estrada N-541.

24 de decembro de 2022, a nova de que un autobús se precipitou desde unha ponte no Concello de Cerdedo-Cotobade (comarca de Pontevedra) ao río Lérez conmocionou a Galiza. O sinistro deixou sete falecidos e dous feridos: o condutor do vehículo e unha pasaxeira. Entre as causas que provocaron o sinistro sinaláronse as desfavorábeis  condicións meteorolóxicas daquela noite, mais tamén unha estrada que precisaba de melloras e actuacións.

Poucas semanas despois, alcaldes de varios concellos polos que transcorría aquela vía, a N-541, sumaban forzas para, no que se denominou 'Pacto de Pedre' —polo lugar onde tivo lugar o accidente— reclamar melloras nesa infraestrutura.

Compromiso

Seis meses despois daquel sinistro, en xuño, o Ministerio de Transportes do Goberno estatal chegou a un acordo para a declaración de emerxencia das obras de reparación e substitución do sistema de contención de vehículos do viaduto sobre o río Lérez, onde ocorreu o accidente; concretamente, no punto quilométrico 66+900 da N-541. O Ministerio anunciaba que ía destinar 1.101.764,68 euros a emendar "a situación de grave perigo existente" na estrada, que quedou danada aquela Noiteboa.

Xuntanza

Os Gobernos locais de Cerdedo-Cotobade, Punxín, Maside, O Carballiño, Boborás, O Irixo e Beariz volverán escenificar hoxe a súa unidade á hora de reclamar unha mellora integral da estrada N-541. A cita será ás 12 horas na Casa do Concello de Cerdedo-Cotobade, municipio no que se atopa a ponte de Pedre en que se produciu o sinistro e que, precisamente, dá nome ao pacto dos rexedores de Cerdedo-Cotobade, Punxín, Maside, O Carballiño, Boborás, O Irixo e Beariz.

Por todos eles transcorre a estrada que une as cidades de Ourense e Pontevedra, considerada como unha das vías con maiores taxas de sinistralidade. De feito, a Real Automóbil Club de España (RACE) incluía a N-541 entre as estradas máis perigosas do Estado.

Os Gobernos locais afectados piden unha reforma integral da estrada e censuran que pasados case nove meses desde o accidente do autobús na noite do 24 de decembro aínda non se atenderan as súas demandas.