'Paco e Lola casan': “exhibición pública da felicidade” ou “degradación cultural”?

Entre os meses de abril e outubro non hai ponte, cruceiro, poste da luz ou lavadoiro que se libre de ser escaparate de pancartas promocionais dunha inminente voda. Elaboradas case sempre polos amigos dos noivos, poden ir desde unha pequena saba decorada con rotuladores até a contratación de enormes rótulos de publicidade exterior de 24 metros cadrados, e as mensaxes que reflicten oscilan da chanza inofensiva a un machismo desatado que xa ten provocado a retirada de varias delas polas administracións. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza.

Tan típicas do verán como as festas gastronómicas ou a ineludíbel visita dos fodechinchos, as pancartas conmemorativas do enlace dunha parella multiplícanse por toda a xeografía galega. Xa sexa no mundo urbano ou no rural, este fenómeno en expansión resulta “digno de estudar nas facultades de Psicoloxía e de Socioloxía”, segundo o historiador e antropólogo Felipe Senén. Para el, a universidade debería de comezar a tratalas como manifestación da “degradación cultural” do país.

“Son horteras e de mal gusto, unha moda individualista con afán de protagonismo que é perfecta representación dos novos ritos propiciados pola sociedade de consumo e do cambio que está a sufrir a etnografía galega, que pasou dun mundo rural e mariñeiro e da imitación do dandismo do irlandés Oscar Wilde nos primeiros anos do século XX a padecer o que en socioloxía se chama anomia, que é a aculturación, unha crise cultural producida por moitas influencias, como a globalización ou o bilingüismo”, engade.

Nesa liña pronúnciase tamén a profesora da Universidade de Vigo e experta en linguaxe inclusiva Ana Bringas: “É un fenómeno expresión da mercantilización da sociedade e da necesidade de facer de todo un espectáculo público. Ao igual que moita xente pon nas redes sociais até os detalles máis nimios da súa existencia, para un acontecemento tan importante na vida dunha persoa como é unha voda con máis razón van sentir esa necesidade de darlle publicidade”.

Ademais, vincula a proliferación destas pancartas coa “romantización” das relacións de parella e a implantación do “mito do amor romántico” como modelo de afectividade na sociedade occidental. “O romántico é tamén político, e constrúese a través da ideoloxía de cada momento, e agora a ideoloxía dominante é a do capitalismo e o patriarcado, sustentada nunha desigualdade entre homes e mulleres, ás que se nos di que non estamos completas sen unha parella, a nosa media laranxa, a alma xemelga, aquela que vai dar sentido a todo e sen a cal a nosa vida non tería sentido… de aí moitas das expresións que se ven nestes carteis como aproveita agora que se acabou a boa vida, porque o matrimonio implica outra vida, e unha vez casada dinche que terás que renunciar ao que facías antes, como saír coas amigas”, apunta Bringas.

Porén, o sociólogo Joaquín Díaz quítalle ferro ao asunto, opinando que son tan só “unha expresión pública da felicidade” que obedece á actitude de xente “que quere carallada” e ao “nivel de camaradería” entre os noivos e os seus amigos. Díaz considera, ademais, que son “máis habituais” no mundo rural que no urbano, e que un bo exemplo é que nas cidades poden verse con maior frecuencia “en barrios obreiros tradicionais” que nos de outro tipo. 

 

[Podes ler a peza íntegra no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]