Pacientes e usuarios acusan o Sergas de “manipular” os datos oficiais para “banalizar” os colapsos en Urxencias do CHUS

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Esta sexta feira volvía haber pacientes “graves aparcados en urxencias”, denuncia a asociación.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario e Universitario de Santiago (CHUS) acusa a Xerencia deste centro de “manipular datos oiciais” para “banalizar” a situiación de colapso nas Urxencias.

Nun comunicado, este colectivo aforma que “a pesares do relato oficial que nega o colapso dos servizos de urxencias do CHUS e da manipulación evidente das cifras publicadas no “Pulso do CHUS” en relación cas camas ocupadas, moi a noso pesar, a túzara realidade imponse. Onte, día 12 de xaneiro, ás 14:58 horas, 11 pacientes graves estaban aparcados nos corredores de acceso do servizo en padiolas e cadeiras de rodas e 41 co ingreso asinado en planta estaban ocupando as zonas de atención mentres agardaban por unha cama”.

"O grao de banalización do problema humano que se produce no servizo cando un paciente é colocado nos corredores, chega a tal nivel que o coordinador do servizo e a supervisión de enfermería habilitaron un corredor cunha mesa de control para que as persoas agarden, moitos deles en camisón, a ser trasladadas en ambulancia ou acceder a unha cama en planta. Segundo fontes fiables nas redes sociais varias traballadoras de enfermería, negáronse, con bo criterio deontolóxico, a desenvolver as súas funcións nese entorno”, denuncia a asociación.

“Manipúlase a información oficial publicada diariamente na páxina web do CHUS”, denuncian. “Segundo esta fonte oficial, os días 9 e 11 de xaneiro u número de persoas hospitalizadas no complexo hospitalario eran, respectivamente, de 931 e 928. No entanto a porcentaxe de ocupación en médica era para os mesmos días do 57% e o 93%. Con practicamente o mesmo número de pacientes en planta a ocupación da área de medicina interna en 48 horas aumentou, por arte de maxia, nun 36%. Parece evidente que os responsables sanitarios desta área poñen mais empeño en ocultar a realidade que en resolver o problema humanitario que se produce no ámbito asistencial da súa responsabilidade”. 

“O número de camas existentes no CHUS é de 1.511 polo que nas últimas 24 horas o nivel de ocupación era de 804 camas (53%), o que significa que un total de 707 camas están pechadas sen asignación de persoal facultativo e de enfermería. E isto sen contar as 73 camas do hospital Gil Casares que levan meses pechadas debido a paralización das obras de restauración”.