Pacientes e usuarias concéntranse en repulsa da entrega da medalla Castelao ao xefe de oncoloxía do CHUS

Concentración de persoas usuarias e pacientes do CHUS ante San Domingos de Bonaval, en Compostela, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

Rafael López, xefe do servizo de oncoloxía do hospital de Compostela, recibiu esta terza feira a medalla Castelao

Con motivo da entrega da medalla Castelao ao xefe do servizo de oncoloxía do CHUS, o doutor Rafael López, nun contexto no que “multitude de pacientes oncolóxicos permaneceron e aínda permanecen sen citas de control e avaliación por manter fechadas as axendas dende o mes de outubro de 2022”, a Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e pacientes do servizo manifestaron esta cuarta feira o seu “desacordo e descontento” por este premio mediante unha concentración ante a igrexa San Domingos, lugar do acto de imposición.

Ante a concesión deste galardón ao xefe do servizo de oncoloxía, o colectivo de pacientes e persoas usuarias “vese na obriga” de facer varias consideracións públicas.

A primeira delas é que entenden que non se poden premiar como traxectoria profesional “ao responsábel dun servizo médico que non exixe ante a xerencia e o Sergas como responsábeis últimos da situación, os medios necesarios para asegurar a calidade asistencial dos seus e das súas pacientes”.

Segundo denuncia nun comunicado a asociación, López consinte “impasíbel que desde outubro de 2022 até xuño de 2023 as axendas de oncoloxía permanezan fechadas”, deixando os e as pacientes durante meses sen oncólogo asignado.

En segundo lugar, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia o incumprimento dos protocolos de seguimento en pacientes en fase de recuperación oncolóxica. “Déixanos nun estado intolerable de abandono que engade ao padecemento sufrido a incerteza e inseguridade da evolución da nosa doenza”, afirman.

En terceiro lugar, o colectivo engade que o feche das axendas para consultas externas, levadas a cabo pola xerencia, realizouse incumprindo o estabelecido no artigo 9 da Orde do 13 de xullo do 2004, que dita o principio da súa estabilidade como garantía de accesibilidade e calidade, e fixa que se debe impedir a existencia de pacientes en espera de asignación de data. A suspensión das axendas só será posíbel, din, de xeito excepcional, con suficiente motivación e por un período determinado de tempo. “Hoxe no servizo, despois de meses sen atención, seguen existindo pacientes sen cita e sen saber o tempo que van permanecer nesta situación”.

Finalmente, pacientes e persoas usuarias do CHUS denuncian que Rafael López antepuxo a dispoñibilidade de medios humanos e materiais sobre as necesidades de atención clínica dos e das pacientes. “A principal lealdade do médico é a que debe aos seus e ás súas pacientes e a saúde destas debe antepoñerse a calquera outra conveniencia, o que comporta manter unha conduta de esixencia de medios ante os responsábeis sanitarios. Isto é o que se debe premiar e non o silencio cómplice ante a incapacidade ou inoperancia dos que toman as decisión de xestión dos recurso dispoñibles”, sentencian a plataforma.