Pacientes de Urxencias en Montecelo sobrepasan as 24 horas de agarda sen camas

Denuncian a temporalidade dos contratos no hospital Montecelo (Imaxe: Europa Press)
A falta de persoal e a precariedade fan colapsar o hospital pontevedrés.

Persoas que acoden ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo de Pontevedra están a soportar longas horas de agarda  en cadeiras, sen seren trasladadas a camas. Nalgúns casos os tempos de espera mesmo superan as 24 horas.

As causas atópanse no incremento de casos afectados pola Covid-19, mais tamén nunha falla de medios derivada da carencia de persoal e a falla de espazos, factores todos eles que provocan que varias plantas se atopen fechadas. Así pois, como sinala a Nós Diario Ramón Otero, enfermeiro de Urxencias nese hospital e delegado do sindicato CIG-Saúde, o colapso non se debe a unha cuestión "imprevisíbel", pois é algo que "vén de atrás".

Este profesional relata que o centro ten varias plantas bloqueadas, unhas porque están reservadas para contaxios de coronavirus, mais outras, como a de Medicina Preventiva M3, porque existe falla de persoal, cuestión que Otero achaca á temporalidade que caracteriza os contratos de Enfermaría na área sanitaria de Pontevedra.

"Temos unhas Urxencias dun hospital de hai 30 anos", lamenta, ao tempo que enxalza o labor profesional do persoal. En canto á falla de espazos e á promesa da Xunta de ampliar o hospital coa construción do denominado 'Gran Montecelo' a solución "non deixa de ser para o longo prazo, non arranxa o problema do inmediato", xa que as obras levarán o seu tempo.  

Outro profesional de Montecelo co que conversou este medio cualifica a contratación que se fai na área sanitaria pontevedresa de "desastrosa. Ninguén pode aceptar estas condicións laborais e de temporalidade".  

Aliás, entran en xogo os convenios coa privada. "O outro día chegou unha persoa cunha rotura de perna, e como as camas de Traumatoloxía estaban ocupadas, derivouse o caso ao hospital privado Quirón Salud Miguel Domínguez, de Pontevedra. Eis o negocio". 

Surto no Hospital de Lugo

A área de Traumatoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (Lugo) rexistrou un surto de coronavirus que afecta un total de seis persoas, das que dúas son pacientes, tres son auxiliares e o restante, un médico. Está "todo controlado", din desde o hospital, tendo en conta que "se actuou segundo o protocolo". As persoas afectadas e os seus contactos atópanse en corentena e realizouse un cribado a través de probas PCR a todas as persoas do servizo de Traumatoloxía.