Os pacientes teñen que agardar no corredor nas Urxencias do CHUS

Urxencias do CHUS, en Compostela (Foto: Nós Diario).
Traballadores de Povisa saen á rúa en Vigo o mesmo día que usuarios e pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela denuncian que as Urxencias están colapsadas polos pacientes graves acumulados nos corredores.

As Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) non son quen de superar o colapso que se estabeleceu nos últimos meses, denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

Esta cuarta feira, os “corredores de acceso do servizo de Urxencias do CHUS permaneceron durante toda a tarde ocupados con pacientes graves en cadeiras de rodas e padiolas”, explican nun comunicado asinado polo presidente, Fernando Abraldes Rois.

Onte mesmo, até “sete pacientes graves estaban colocados nos corredores de acceso en cadeiras e padiolas agardando ser trasladados ás zonas de atención”. Ademais, ao tempo que a antiga sala de paliativos do Hospital Gil Casares segue pechada, critican, 42 pacientes “con  ingreso asinado estaban ocupando os espazos destinados a observación”.

Esta situación, inciden, amosa como “a Xerencia do centro hospitalario, ca colaboración estreita e directa do coordinador do servizo, segue vulnerando unha e outra vez o dereito fundamental dos pacientes á intimidade e á dignidade”, ao colocalos de maneira reiterada nos corredores de acceso.

Con estas actuacións, “vulneran a legalidade, actúan impunemente e perseguen os profesionais que antepoñen os pacientes e o código deontolóxico da profesión médica fronte a calquera outra consideración”, advirten, facendo fincapé en que isto acontece “a pesar de contar con maiores espazos”, polo que cuestionan que persista “o uso indebido das instalacións de urxencias con prexuízo para os pacientes graves”.

“Nunca antes as Urxencias tiveron un número tan elevado de pacientes con ingresos asinados”, indican, relatando que isto demostra que “se opta por manter camas fechadas e empregar os lugares destinados aos pacientes que precisan ser observados”.  

Nese sentido, lembran que as recomendacións do Ministerio de Sanidade deixan claro que “a área de observación non debe empregarse como subestación previa do ingreso, salvo que non existan camas dispoñíbeis”.

A reiteración de feitos semellantes no CHUS, sinalan, “son signo inequívoco dunha mala calidade do servizo, produto da incorrecta xestión da demanda asistencial debido á torpe, intolerábel e antisocial persistencia de manter camas fechadas”.

Protesta en Vigo

En Vigo, o comité de empresa do hospital Ribera Povisa saíu á rúa a protestar diante da Inspección de Traballo, denunciando a inacción perante os incumprimentos da empresa. Asemade, adiantaron novas mobilizacións para pedir un novo convenio após 12 anos sen suba salarial.