Pacientes e persoal sanitario da Mariña increpan o conselleiro de Sanidade en Burela: "Solucións ou dimisión"
Persoal sanitario e usuarias do Hospital da Mariña recibiron este mediodía o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, con berros pedindo "solucións ou dimisión". Hai máis dun mes que os profesionais deste centro sanitario do Sergas e pacientes están a convocar protestas todos os días, de segundas a sextas feiras, para denunciar "o abandono" por parte da Xunta da Galiza deste hospital.
Este 9 de maio, o conselleiro de Sanidade anunciaba unha visita ao centro para manter unha reunión de traballo primeiro cos xefes de servizo e posteriormente coa xunta de persoal do Hospital Público da Mariña.
Ás portas do centro, esta sexta feira estaba convocada unha nova concentración de protesta, ás 11 horas. Unha hora máis tarde tiña anunciada a súa chegada o conselleiro de Sanidade, que foi recibido polos sanitarios e as doentes con carteis nos que denunciaban que "a asistencia sanitaria non está garantida" ou "listas de agarda de máis dun ano".
Á chegada do conselleiro de Sanidade á porta do hospital, un dos usuarios abordou a Caamaño para denunciar a "falla de atención sanitaria" e reclamar solucións.