Pacientes e persoal do hospital de Cee urxen reforzar a saúde mental na comarca

Fachada principal do Hospital Virxe da Xunqueira, integrado na área sanitaria da Coruña e Cee. (Foto: Xunta da Galiza).
O Sergas, obrigado a pór celadores no único hospital da rede sen esta categoría

A veciñanza de Camariñas, Muxía, Vimianzo, Zas, Fisterra, Corcubión, Dumbría e Cee con tarxeta do Sergas ten o seu hospital de referencia neste último municipio da Costa da Morte. A posta en marcha do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee en 1998 supuxo un cambio radical para máis de 40.000 persoas usuarias que comezaron a recibir unha asistencia especializada máis perto da casa, sen necesidade de se desprazar á Coruña para cada consulta, cirurxía ou proba diagnóstica.

Con todo, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña segue a ser o centro de cabeceira para o conxunto da área sanitaria. O Virxe da Xunqueira, que botou a andar como fundación pública antes de integrarse no Servizo Galego de Saúde, gañou en máis de dúas décadas unha vintena de servizos "que mantén" polo momento, advirte Ana Lestón, secretaria de organización da CIG-Saúde, mais que non priva a poboación de viaxes de máis dunha hora para consultar no Chuac da Coruña o que o comarcal de Cee non atende.

A prevalencia de doenzas mentais na Costa da Morte é moi alta

Urxencias e medicina interna foron dos primeiros servizos cos que contou o hospital. Despois chegaron os de cirurxía xeral, dermatoloxía, xinecoloxía e obstetricia, anestesia, traumatoloxía, radioloxía, uroloxía, rehabilitación, pediatría, psiquiatría...

Unidade de saúde mental 

"Nestes anos non se perdeu  ningún pero hai especialidades que acusan unha enorme sobrecarga debido ao aumento da demanda e ás ausencias que non se cobren nuns cadros de persoal moi xustos", explica Lestón.

Na actualidade, di, a área de psiquiatría é a que atravesa a situación máis complicada. Concorda persoal sanitario do centro consultado por Nós Diario. "O persoal facultativo da unidade de saúde mental, un psiquiatra e un psicólogo clínico, non abonda para  atender unha demanda asistencial que non deixa de crecer".

A prevalencia de doenzas mentais na Costa da Morte é moi alta, afirma Lestón, motivo polo que xa se ten solicitado un segundo psiquiatra. "Pero no canto de reforzar o cadro médico, as baixas prolongadas súplense con reforzos puntuais que chegan desde a Coruña pasar consulta, co prexuízo engadido de que cambian a diario", como aconteceu nos primeiros meses deste ano.

Ante o déficit de persoal do servizo de psiquiatría urxe contratacións e estabilidade, insiste o persoal sanitario do hospital de Cee. "Trátase dunha especialidade moi específica na que a confianza, o vínculo médico-paciente e o seguimento dos doentes é fundamental para unha boa evolución do tratamento e da enfermidade".

Sen persoal celador

O hospital comarcal de Cee é o único da rede asistencial da Consellaría de Sanidade sen persoal celador. Esta categoría nunca foi parte do cadro de traballadoras e traballadores do centro sanitario o que obrigou outras profesionais como enfermeiras ou persoal técnico a desempeñar o seu labor.

O Sergas ten que incorporar esta categoría e crear prazas de celador no Virxe da Xunqueira

Esta situación fixo que un grupo de traballadores presentase unha demanda que gañaron en primeira instancia e que ratificou o Supremo o pasado mes de abril. O Sergas ten que incorporar esta categoría e crear prazas de celador no Virxe da Xunqueira, mais polo momento, aseguran, "fisicamente non hai ningún".

Unha hora de viaxe para 10 minutos de consulta no Chuac

"Hai servizos que un hospital comarcal non recolle e que son importantes". A veciñanza de Cee bota en falta maior cobertura en cardioloxía e dixestivo, dúas especialidades que asume puntualmente o persoal facultativo de medicina interna pero que as máis das veces obriga as usuarias e usuarios a percorrer máis de 100 km até A Coruña. Unha hora longa de ida e outra de volta, por exemplo, para facer a revisión do marcapasos "en 10 minutos", "algo sinxelo que non debera obrigar a xente maior a coller o coche, un taxi ou o autobús".

Pacientes e familiares do distrito de Cee aseguran que comezan a proliferar clínicas privadas que veñen cubrir ese baleiro e súmanse a outras demandas de vello para o seu hospital, que como outros comarcais carece de UCI para facer cirurxías de maior complexidade e reclama máis capacidade en análises clínicas e laboratorio.