Pacientes oncolóxicos denuncian o incremento do tempo de agarda por probas diagnósticas

As demoras nas probas diagnósticas complican as deteccións temperás de cancro e o seguimento de doentes crónicos. (Foto: Europa Press).
A detección temperá de cancro caeu de forma notábel durante a primeira vaga da Covid. A pandemia consolidou os atrasos na realización de probas diagnósticas vitais para as e os pacientes oncolóxicos, que seguen a denunciar atrasos no seu seguimento. As demoras reais, din, superan os tempos de agarda recoñecidos polo Sergas.

Con case 20.000 novos diagnósticos en 2021, a Galiza é un dos territorios do Estado con maior incidencia de cancro. Só nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago e Ferrol detectáronse 8.000 casos novos, 41% do total. Son  datos da Asociación Española Contra o Cancro no arranque do 'Tour do cancro', unha iniciativa que  comezou a finais de abril na Coruña e que desde entón percorreu varias cidades do Estado para incrementar a visibilidade e o coñecemento desta doenza.

A irrupción da Covid supuxo unha dobre pandemia para o colectivo de pacientes oncolóxicos. O coronavirus eclipsou o cancro e empeorou unha calidade asistencial que as persoas doentes seguen a denunciar. 

Seis meses de agarda

"Despois de dúas reclamacións, unha en Atención ao doente e outra en liña, a través do E-Saúde, conseguín que me desen cita para facer un TAC exactamente seis meses despois do último, cando debería facelo cada tres".

Carolina Castiñeiras, veciña da Laracha e diagnosticada en 2009, vai polaquinta liña de tratamento contra un sarcoma en estadio IV con metástase. "Teño cita en oncoloxía cada dous meses. Na anterior xa debía acudir cos resultados mais non os levei porque tiña a proba sen facer. Isto significa que me están dando unha medicación a cegas. Neste tempo a doenza puido progresar, puido deixar de funcionar o tratamento".

Castiñeiras cuestiona a atención mais tamén o uso deficiente dos recursos. E non só a raíz da pandemia. "As esperas comezaron a incrementarse de forma progresiva desde 2014. Desde entón todos os TAC van tarde, e desde 2017 non fixen ningún sen antes pór unha reclamación. Fago 50 km, ida e volta até A Coruña para por a reclamación, e non só polo meu caso, polo de todo o mundo, porque non é normal ter que andar a chorar seguido ante un mostrador para que che dean unha cita. Non é normal por máis que pretendan normalizalo", retruca.

Demora nos diagnósticos

A 31 de decembro de 2021 o tempo medio de espera en radioloxía na Galiza é de 84 días, 10 días menos que un ano atrás. Con todo, o número de persoas en agarda incrementouse de 61.387 a 85.691. A espera para facer un TAC caeu de 91 a 85 días, mais nas áreas sanitarias da Coruña e Santiago supera os 100 e sitúase nos 110 tanto no CHUAC da Coruña como no CHUS de Santiago. Carolina Castiñeiras cualifica de "colapso" a situación do servizo de radiodiagnóstico do hospital da Coruña que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cualificou de "pequeno atraso en vías de resolverse".

Para o presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, Fernando Abraldes, "as listas de agarda que vén de publicar o Sergas son unha fotografía moi parcial da realidade porque non teñen en conta as listas de agarda non estrutural". 
Con todo, di, reflicten unha demora crucial de primeiros diagnósticos e exploracións complementarias que "non só complica a vida das persoas doentes no curto prazo, tamén incrementa o custo da atención. A situación do paciente agrávase sen que a medicina poida facer nada moitas veces. E iso tradúcese en mortes".

Déficit de persoal 

"Temos denuncias de doentes que tiveron que esperar até medio ano por un diagnóstico, coa escusa da pandemia mais sen pór a disposición do plan de reactivación da sanidade, xullo de 2020, os recursos suficientes". Nestes sentido, Fernando Abraldes sinala o despedimento por parte da Xerencia do CHUS de dous radiólogos a mediados do ano pasado, o que fixo aumentar o tempo de agarda "de forma considerábel". No caso dos TAC duplicouse, ao pasar de 56 a 111 días.

No Hospital da Mariña tamén pagan as consecuencias da perda de persoal. "O servizo de radioloxía só conta con dous dos cinco radiólogos en carteira de servizos", explica Montse Porteiro, voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública comarcal. O hospital de Burela xunta as demoras máis elevadas en probas diagnósticas con até oito ou nove meses de espera para unha ecografía abdominal, mama ou unha endoscopia, segundo o Sergas, "máis hai doentes que esperan até 18 meses".