sanidade

Pacientes do Hospital de Santiago apoian a negativa do persoal de radiodiagnóstico a realizar horas extra

Hospital de Santiago.
O servizo de radiodiagnóstico do Hospital de Santiago (CHUS) mantén a máis de 12.000 persoas en listas de espera, pero o Sergas négase a contratar máis persoal. A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS volve denunciar esta situación e apoia as traballadoras que non queren seguir sostendo o servizo a base de realizar peonadas.

A decisión das traballadoras e traballadores adoptouse por maioría e a xunta de persoal do centro apoiou a decisión, sinala Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que nun comunicado emitido esta cuarta feira tamén saúda a iniciativa. A situación do servizo e o desleixo do é tal que, segundo explica Abraldes, “non lles quedou outro remedio”.

Non se pode manter un servizo vital para o resto do sistema hospitalario da área a base de peonadas, que son as horas extra e fines de semana que as traballadoras e traballadores fan voluntariamente para que as listas e os tempos de espera non medren. A cousa leva así desde hai anos e nin o Sergas nin a Xunta fan caso das demandas dos profesionais nin das nosas, os pacientes. Pensamos que se hai cartos para pagar peonadas, haberaos para contratar máis persoal, non?”, comenta Abraldes.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS tamén se queixa no seu comunicado de gardas en servizos sensíbeis que non se cobren. “Non é asumíbel que esta área sanitaria careza dunha garda específica de vascular-intervencionismo, asistencia que veñen suplindo profesionais sen a formación específica precisa, unha garda da que están dotadas as principais áreas sanitarias”, sinalan.

A asociación reflexiona: “se ás demoras que padecemos para obter unha cita co especialista solicitada desde Atención Primaria debemos sumar aquelas que se produzan para a realización das probas diagnósticas, a situación empeorará de xeito preocupante se segue manténdose a negativa a atender as incorporacións pactadas e asinadas de persoal para o servizo”. 

Fernando Abraldes lembra que ademais hai a disposición do hospital unhas máquinas cedidas por unha empresa privada que necesitarían da contratación de cinco profesionais para reforzar o servizo. “O Sergas e a Xunta néganse, e mentres as máquinas só dan servizo a cardioloxía, pero sen persoal adicional”, explica. “E ese non foi o acordo ao que chegou a Xunta coa empresa”.

O resultado é que na mesma área hospitalaria, en función da doenza que padezan, as pacientes teñen mellor ou peor acceso a un servizo básico. Segundo Fernando Abraldes, sen peonadas, “deixaranse de facer miles de probas e as listas e os tempos de espera irán a peor; ao contrario do que pretende o Sergas, que é mellorar o servizo a base de aumentar a produtividade do persoal con máis horas extras”.