Pacientes da área de Santiago denuncian as condicións materiais da UCI do Clínico

Mobilización do persoal da UCI do Clínico de Santiago.
Cualifican a situación de "indignante" en plena terceira onda da pandemia de Covid-19

O persoal sanitario da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) iniciou o pasado 16 de novembro unha folga indefinida para denunciar a precariedade do seu servizo, esencial durante a pandemia de coronavirus. Desde entón, cada segunda feira, maniféstase ás portas do centro sanitario para denunciar "o desfase e a obsolescencia" das instalacións nas que presta atención a pacientes críticos.

Agora son os propios doentes os que se suman ás protestas, pondo de relevo a mobilización do colectivo profesional e a necesidade de dotar a súa área de traballo de equipamento e condicións dignas para o coidado "das persoas usuarias que presentan unha gravidade extrema".

"Están en xogo vidas humanas", salienta nun comunicado a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que urxe a mellora das instalacións nun contexto de pandemia no que o número de cidadáns cuxa saúde se resinte é cada vez máis elevado. "Os responsábeis do Sergas e da xerencia non só non actúan, senón que nin tan sequera se senten obrigados a facelo. Banalizan a gravidade da situación e miran para outro lado nun exercicio intolerábel de política da avestruz e de desprezo tanto de pacientes como de profesionais".

Dereito á intimidade

Pacientes e usuarias do Clínico destacan a falta de recursos coa que a sanidade pública está facendo fronte a unha situación de estrés nun momento no que a incidencia da Covid-19 e a transmisión comunitaria do virus avanza con forza na área sanitaria de Santiago e O Barbanza.

Pon o acento na acomodación das doentes, "en camas amoreadas e abertas, separadas por cortinas de plástico, sen a distancia mínima de seguridade", que ademais de pór en risco e comprometer o labor profesional do persoal sanitario "vulnera o dereito fundamental á intimidade e á dignidade das pacientes".

A maiores, sinalan o déficit de confort ao que se expón as persoas ingresadas. "Hai carencia de mantas e almofadas suficientes para paliar o frío, o que obriga o persoal a recorrer a solucións artesanais".

Doutra banda, desde a Asociación de pacientes e Usuarios do CHUS, censuran a deterioración de elementos auxiliares básicos."Estantes metálicos destinados a equipamento sanitario corroídos polo óxido, portas danadas e amarradas con cordas ou cuñas de papel para poder mantelas abertas e garantir a ventilación do espazo, trípodes para a aplicación de medicamentos suxeitos con cinta plástica".

A lista de carencias é moito máis extensa, explican, "e os responsábeis sanitarios sabían desde o mes de marzo que as condicións materiais da UCI non respondían ás necesidades requiridas para facer fronte a unha pandemia, e sabían que esas condicións afectarían aos pacientes ingresados mais á de propagación do virus". Con todo, e malia a mobilización do persoal, nove meses despois non aumentaron os recursos. "Antepón cuestións orzamentarias ou organizativas á urxente atención hospitalaria e á obriga de salvar vidas en condicións de dignidade, a súa obriga legal", polo que instan o Sergas a facer fronte "á situación extrema".

Publicidade no material sanitario doado ao Sergas

Usuarias do Hospital Clínico reclaman á Administración "os recursos necesarios para unha UCI digna" na que cuestionan a publicidade directa de doadores privados. "Material básico como os respiradores, que debería ser subministrados polo Sergas, foron cedidos por entidades financeiras que aínda teñen a indecencia, consentida polas autoridades sanitarias, de exhibir a súa marca nun lugar  onde as persoas están entre a vida e a morte".