Pacientes Covid, a vida detrás dos números: "Saímos da UCI como bonecas de trapo"

Antonio Rodríguez, Laura Martínez e Xosé María Arán.
O reconto de casos activos, ingresos e falecementos que nos dá a medida da pandemia cada 24 horas pon o foco nas cifras da Covid-19 e non sempre deixa ver a dor, a rabia e o ánimo que gardan as vidas golpeadas polo coronavirus. Nós Diario comparte o relato de tres doentes infectados durante a primeira vaga de contaxios aínda en fase de recuperación, física e mental

Quen ten a oportunidade de contar a súa experiencia coa Covid-19 en primeira persoa faino desde a satisfacción, o agradecemento, a angustia e a reivindicación. 

A satisfacción de quen se recoñece supervivente. O agradecemento a quen pelexou polo seu benestar. A angustia de sentirse ás portas dunha recaída que frustre a súa recuperación. E a reivindicación de quen se resiste ao abandono dun sistema público de saúde chave para unha xestión óptima da sanidade en tempos de pandemia.

"Os pacientes de UCI damos moito traballo"

Antonio Rodríguez contaxiouse da Covid-19 a finais de marzo. A enfermidade obrigouno a pór en pausa o seu traballo como veterinario e inspector de sanidade alimentaria na comarca do Ribeiro. Bota en falta as viaxes polos concellos da bisbarra e a xente, mais o seu corpo aínda non está listo para retomar esas xeiras. 

Na súa cabeza non deixa de revivir os acontecementos máis dolorosos, que asocia á soidade de verse rodeado de máquinas conectadas ao seu corpo mais de persoas enfundadas que só deixan os ollos á vista e unha mirada de desacougo. "Pasei 44 días na UCI da Covid e outros 11 na unidade de críticos convencional con respiración por traqueotomía. Perdín 24 quilos e gañei unha debilidade extrema. Cando por fin espertei doíame todo, non podía moverme nin falar, mais apurei canto puiden para non pasar moito tempo na planta",  afirma entre saloucos.

Eu paseino mal, pero os profesionais non o pasan mellor. Non é doado para ninguén.

Antonio recoñece agora unha sensibilidade maior. Emociónase con facilidade, e demóstrao ao rememorar tanto as ganas que tiña de volver á casa como o traballo do persoal sanitario. "Eu paseino mal, pero os profesionais non o pasan mellor. Non é doado para ninguén. Os pacientes que acabamos na unidade de críticos damos moito traballo ademais de preocupacións", asegura.

Despois de superar momentos moi complicados que mesmo fixeron temer pola súa vida, Antonio dedicou todos os seus esforzos á recuperación. "Trasladeime ao rural e cumprín cos exercicios que me mandaron as fisioterapeutas. Pouco a pouco funme animando con outras actividades do campo, que ademais de distraerme axudáronme a recuperar a masa muscular que perdera".

Tomo unha dose pequena de esteroides antiinflamatorios que me axudan a paliar os posíbeis efectos secundarios a nivel respiratorio.

Comer e durmir ben tamén axudou. Hoxe, con 59 anos, reséntese das articulacións, que debe exercitar con calma cada mañá, e da capacidade pulmonar, aínda diminuída. "Xa mellorou, pero aínda tomo unha dose pequena de esteroides antiinflamatorios que me axudan a paliar os posíbeis efectos secundarios a nivel respiratorio".

A maiores, confesa medo a unha recaída ante o empeoramento que observa na Galiza e no resto do continente e unha angustia que por momentos o obriga a dicir "frea, para, non pasa nada".

"Ás veces síntome como unha avoa de 100 anos"

Laura Martínez ten 34 anos. A súa voz transmite unha mestura de entusiasmo e determinación contra unha enfermidade que a colleu por sorpresa. Case seis meses despois de recibir a alta hospitalaria, o 7 de maio, segue de baixa médica, pendente dunha recuperación que se pode prolongar, no seu caso, polo menos outro medio ano. Ingresou no hospital do Barco de Valdeorras o 21 de marzo. "Eu pensaba que tiña unha farinxite. Nin febre nin perda do gusto nin do olfacto. Como non melloraba decidín ir a Urxencias, tamén para contentar a miña familia, que tiña medo de que se tratase do coronavirus. Ese día quedei ingresada". 

Cando subimos a planta procedentes da UCI, somos como bonecas de trapo.

O seu prognóstico empeorou moi axiña. Despois de catro xornadas tivo que ser trasladada ao hospital de Ourense onde botou 21 días na UCI, sedada e intubada. "En total foron 48 días de hospitalización, mentalmente moi duros". Mais tamén desde o punto de vista físico. "Cando subimos a planta procedentes da UCI, as doentes somos como bonecas de trapo. Non podemos facer nada. Non temos forza". 

Ir á compra por catro cousas, esgótame; organizar un móbel da cociña que me obrigue a anicarme, tamén.

Laura lembra que a súa vida dependía das enfermeiras. "A primeira comida que fixen pola miña man constaba dunha cunca de sopa mais dunha peituga de polo con arroz. Tardei dúas horas en rematala e a carne déronma partida", explica. Un exemplo co que quere facer notar os efectos da perda de masa muscular e da función respiratoria, que segue a recuperar. "Hai días que son como unha avoa de 100 anos. Ir á compra por catro cousas, esgótame; organizar un móbel da cociña que me obrigue a anicarme, tamén. E non falemos de cambiarlle as sabas á cama".

Os meus pulmóns seguen inflamados e teño que coidarme para evitar calquera catarro que complique a súa cura.

A perda de capacidade pulmonar é a principal secuela de Laura. "Os meus pulmóns seguen inflamados e teño que coidarme para evitar calquera catarro que complique a súa cura, moito máis lenta que despois dunha pneumonía normal".

A súa mensaxe para as persoas que están pasando a enfermidade é de ánimo. "Non vale renderse". Para as que se expón ao virus receosas das medidas de hixiene e de restrición social, de reproche. "É moi grave a falta de consideración pola propia vida e pola allea", lamenta.

"Estiven nas mellores mans pero pasei un calvario"

Xosé María Arán preséntase como o paciente cero de Carballo. Ten 56 anos. Notou os primeiros síntomas antes de que se declarase o estado de alarma. "O 12 de marzo achegueime de urxencia ao centro de saúde con 39 de febre, e mandáronme de volta para a casa con analxésicos e a recomendación de falar co meu médico, mais non conseguín cita até cinco días despois". Foi, explica, o primeiro paso dun "calvario" que o leva a reafirmar a importancia dunha sanidade pública forte. "Porque eu e a miña familia sufrimos en primeira persoa o desmantelamento da Atención Primaria".

A médica envioume ao hospital da Coruña para confirmar un diagnóstico que ela sospeitaba máis grave. Con esa decisión, salvoume a vida.

Naquela altura, di, "o meu médico de cabeceira estaba pendente de ser substituído. A persoa que debía cubrilo marchou de baixa e os novos recambios ían e viñan. A médica que me atendeu por teléfono ao cabo de cinco días púxose en contacto co equipo de coordinación da Covid-19, que lle dixo que seguise na casa co tratamento pautado e que chamase ao 112 se empeoraba". Con todo, enviouno ao hospital da Coruña para confirmar un diagnóstico que ela sospeitaba máis grave. "Con esa decisión, salvoume a vida".

As probas revelaron unha pneumonía bilateral grave e un positivo por coronavirus que mantiveron Xosé María illado no hospital unha semana. "Mandáronme para a casa co tratamento que tomaba no hospital até completar a corentena". Alí continuou a súa recuperación illado e anoxado polo trato indiferente do sistema cara a súa familia, tamén recluída. 

Despois de 65 días conseguín que me fixesen unha PCR.

"Tardaron moito tempo en facerlles as probas despois de moitas voltas e xestións. Aínda así, a miña filla menor segue esperando. A única solución que nos deron para ela foi que cambiase de casa. A maior e a muller deron positivo, mais a día de hoxe aínda non as viu un médico de forma presencial". 

Xosé María aínda relata unha segunda corentena, obrigada tras un test serolóxico positivo da súa empresa na véspera de volver ao traballo. "Non puido ser. Finalmente, despois de 65 días conseguín que me fixesen unha PCR, negativa, que me puxo, por fin, no camiño da nova normalidade".

A factura psicolóxica é brutal, derivada da propia enfermidade e do abandono que chegas a sentir.

Porén, a recaída foi emocional. "A factura psicolóxica é brutal, derivada da propia enfermidade e do abandono que chegas a sentir cando non sabes a quen recorrer ou non recibes o apoio necesario ante unha situación impredicíbel" como a que provoca o coronavirus.

 Por iso, reivindica "unha sanidade pública e con recursos. Eu vivino. Coa Atención Primaria vendida e debilitada non se pode atallar esta situación. E dígoo eu que estiven nas mellores mans", incide Xosé María, quen pide falar ás claras dos problemas de saúde mental derivados da Covid-19.