Os pacientes Covid hospitalizados redúcense a 293 e os contaxios diarios repuntan a 148

Cribado de Covid-19 realizado en Poio. (Foto: Sanidade)

Os casos activos baixan a 2.658.

Galiza volveu rexistrar un descenso da presión hospitalaria e os pacientes Covid hospitalizados sitúanse por baixo dos 300, ao reducirse até os 293, o que supón 20 menos que os 313 da xornada anterior. Mentres, os  contaxios diarios repuntaron a 148.

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellería de  Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta terza feira, hai 58 pacientes  Covid ingresados en UCI -sete menos- e 235 noutras unidades -13 menos-.

Os ingresados con Covid-19 descenden en todas as áreas sanitarias agás na de Ourense, onde aínda que se manteñen dúas en UCI -sen cambios-, soben a 21 os que permanecen noutras unidades -tres máis-.

En 5 de 7 áreas sanitarias

Os casos activos de Covid-19 reducíronse en 27 até os 2.658 após o lixeiro incremento rexistrado esta terza feira tras mes e medio de tendencia descendente. Estes baixan en cinco das sete áreas sanitarias galegas, mentres que soben nas de Vigo até os 472 -15 máis- e na de Lugo a 210 -cinco máis-.

Pola súa banda, os  contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba seguen a tendencia ascendente, tras os 112 da segunda feira e 122 desta terza, esta cuarta feira repuntaron a 148, dos cales 124 foron positivos confirmados por  PCR nas últimas 24 horas.

Deses 124 positivos, 46 corresponderon ao área sanitaria de Vigo; 35 á da Coruña e Cee; 16 á de Ourense; 10 á de Lugo; oito á de Pontevedra e O Salnés; cinco á de Ferrol e catro á de Santiago e Barbanza.

No que se refire á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test  PCR realizados- mantense nun 2% como as dúas xornadas anteriores.

Os falecidos diagnosticados con Covid-19 aumentaron a 2.306 tras as tres últimas vítimas mortais notificadas por  Sanidade na noite desta terza feira.