Pacientes con cancro presentan na Valedora do Pobo unha queixa colectiva: “Hai unha vulneración reiterada dos nosos dereitos"

As pacientes ante a valrdora do pobo (Foto: Asociación de Pacienets e Usuarios do CHUS)
Alertan da suspensión de consultas e a falta de citas para as súas revisións e tratamentos no CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario e Universitario de Compostela) xunto cun total de 15 pacientes, presentou esta segunda feira unha queixa colectiva ante a Valedora do Pobo, entidade que tutela a defensa dos dereitos individuais e colectivos dos cidadáns da Galiza, ante o que consideran unha “vulneración reiterada de dereitos que están sufrindo os  pacientes oncolóxicas ao non recibiren a atención prevista nos protocolos que se deberían seguir no tratamento das súas doenzas”.

Na actualidade, afirman, seguen suspendidas as consultas presenciais de probas diagnósticas de control, seguimento e avaliación. Isto supón, explican, por parte da Xerencia da Área Sanitaria un incumprimento do código deontolóxico da profesión médica ao deixar de velar por que as prestacións se adapten ás necesidades asistenciais da poboación.

“Unha decisión de natureza administrativa ou xerencial que socava o dereito de atención personalizada pola carencia de recursos humanos, constitúe un acto contrario ao citado código, que expresamente obriga aos facultativos con responsabilidades directivas a eliminar calquera obstáculo que impida a relación directa, inmediata e en tempo adecuado médico-paciente”,  manifestan nun comunicado.  

A xerencia e o servizo de oncoloxía do CHUS “están deixando de prestar o seguimento dos tratamentos ou procedementos terapéuticos incluídos na carteira básica de servizo especializados recoñecidos no RD 1030/2006 do 15 de setembro, vulnerando así o principio de prestación obrigatoria e non dispoñibilidade por parte das Administracións competentes en materia sanitaria”.

As pautas de seguimento dos pacientes de cancro están recollidas nos protocolos de atención e no consenso científico que, “por razóns derivadas da posíbel repetición da doenza durante o período de tratamento posterior á cirurxía, quimioterapia e radioterapia que precede á alta médica (período que abrangue moitos anos) unha vez superada esta, estabelecen que deben realizarse probas e consultas de control cada 3 ou 4 meses durante os 5 primeiros anos e anuais a partir do quinto”.

As persoas que padecen esta doenza están soportando demoras de entre 1 e 8 meses desde a data en que se deberon realizar as consultas e sofren a incerteza e a presión psicolóxica que representa unha demora na atención e na información ante un eventual rebrote dunha enfermidade que no ano 2022 provocou na Galiza o falecemento de 8225 persoas.

Ademais, proseguen, ao non realizar as consultas presenciais, estase deixando de prestar información plena, veraz e comprensíbel sobre o resultado das probas diagnósticas, e, deste xeito, estase confiscando o dereito a información que a Lei de Saúde de Galiza recoñece a todas as persoas con motivo de calquera actuación no ámbito da súa saúde e que os protocolos de atención consideran que son imprescindíbeis para que os pacientes poidan manifestar síntomas, formular preguntas ou expresar dúbidas. 

Para pór fin a esta situación de modo definitivo, así como para restabelecer a aplicación dos dereitos recoñecidos e os procedementos e protocolos de atención, “solicitamos o amparo da Valedora do Pobo”