Pacientes acusan a Sanidade de manipular listas de agarda

Hospital Clínico Universitario de Santiago (Foto: CHUS)
A Xerencia do CHUS responde a M.M.R. que a súa operación se realizará no prazo previsto legalmente, 90 días, cando xa leva 399 días en agarda para ser intervido.

A Xerencia do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) respondeu a M.M.R. que a súa operación se realizará no prazo previsto legalmente, 90 días, cando xa leva 399 días en agarda para ser intervido. O paciente está á espera dunha operación de columna a causa dunha escoliose diagnosticada “que non pode ser tratada con rehabilitación e que require unha intervención cirúrxica consistente na fusión da articulación vertebral dorsal”, e sofre un progresivo deterioro do seu estado de saúde debido a un proceso de perda da mobilidade das extremidades inferiores que o obriga a permanecer sentado ou postrado na cama. 

Segundo consta na denuncia difundida esta segunda feira, 15 de marzo, pola Asociación de pacientes e usuarios do CHUS, M.M.R. foi posto en febreiro de 2020 no rexistro de pacientes en espera estrutural con prioridade 2. Pero en marzo, baixo a xustificación de “motivos médicos” foi incorporado "sen aviso ningún" a unha lista non estrutural durante 82 días. 

O pasado 8 de xaneiro puxo no Servizo de Atención ao Doente unha reclamación solicitando unha aclaración sobre os motivos da demora e a inclusión nunha lista de espera non estrutural por motivos médicos.

O día 3 de marzo volveu presentar un escrito solicitando explicacións, ante a falta de resposta, e o que lle din é que o Sergas "estabelece medidas que garanten uns tempos máximos de acceso para determinadas prestacións sanitarias" e que en base a iso, "o Servizo de Traumatoloxía intentará realizar a súa intervención cirúrxica dentro dos prazos que estipula a lei para o seu grao de priorización e, no seu defecto, á maior brevidade posíbel".

Desde a Asociación do Paciente denuncian que o Sergas se limite na resposta a anunciar a vontade de prestar a atención cirúrxica no prazo de 90 días, o correspondente a pacientes con prioridade 2, cando M.M.R. leva máis dun ano agardando.

A Asociación de Pacientes do CHUS tamén denuncia no caso de M.M.R. "a manipulación" que a Xerencia do CHUS e o Sergas fan "das listas de agarda para xustificar unha atención de calidade inexistente e unha falsa eficiencia na xestión dos recursos".

O transvasamento irregular do que foi vítima, pasando dunha lista estrutural a outra non estrutural, "permitiu ao Sergas que o paciente M.M.R. desaparecese durante 82 días como paciente que computa nos tempos máximos de resposta asistencial".