Unha paciente de Uroloxía denuncia 39 días de demora nunha proba preferente no CHUS

Hospital universitario de Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)

Radioloxía do CHUS acumula atrasos que superan os límites legais e deixan miles de doentes sen diagnóstico e máis de 23.000 persoas afectadas na área sanitaria.

Os servizos centrais de Radiodiagnóstico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) continúan sen cumprir os prazos de preferencia fixados polo persoal facultativo para a realización de probas diagnósticas, segundo denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS con base nos últimos datos difundidos polo Sergas. Máis de 23.000 persoas da área sanitaria sofren demoras que, en numerosos casos, exceden amplamente os límites estabelecidos polo propio sistema sanitario.

A plataforma de doentes fixo público esta terza feira o testemuño de Mar O. L., paciente de Uroloxía, que acumula unha demora de máis de 37 días respecto da data límite para unha resonancia catalogada como preferente, que debía realizarse antes do 29 de outubro. A enferma relata un percorrido de anos marcado pola dor, pola ausencia de diagnóstico definitivo e por demoras reiteradas.

"Desde o ano 2015 son paciente de Uroloxía. Despois de transcorridos 302 días en espera, realizáronme no ano 2021 unha intervención cirúrxica de prioridade 2 —que ten un tempo de espera legal máximo de 90 días—", explica. A partir dese momento, engade, os síntomas non remitiron e volveu solicitar revisións especializadas. Tras pasar por dous "buzóns" de espera e unha nova visita ás urxencias en outubro de 2025, o urólogo prescribiulle unha resonancia con carácter preferente, que debía facerse en 15 días naturais. Porén, o prazo non se cumpriu.

"Falo co urólogo e dime que non pode facer nada, que Radioloxía decide as prioridades [...]. En secretaría recoñécenme que hai demora, pero non obteño explicación ningunha", sinala. A situación levouna a recorrer á atención privada —consultas, rehabilitación do chan pélvico, acupuntura— e ao uso de medicación para poder descansar. "Eu a isto só podo chamarlle abandono asistencial [...]. A día de hoxe sigo sen diagnóstico certo e véxome obrigada a soportar unha demora de 39 días respecto da data máxima prevista para a realización da proba o 29 de outubro", conclúe.

A plataforma lembra que a preferencia de 15 días para probas diagnósticas está recollida no anexo III do Real Decreto 605/2003, polo que a reclamación "ten amparo clínico e soporte legal". Critican que a xerencia do CHUS e as direccións de Radioloxía e Admisión incumpran unha obriga que afecta directamente á obtención de diagnósticos e ao acceso á recuperación das persoas doentes.

Segundo insisten, a saturación en Radioloxía impacta en cadea no resto de servizos, ao atrasar cirurxías, revisións e tratamentos. "Os medios técnicos e humanos deste servizo teñen capital importancia", subliñan.

A entidade insta o Sergas a cumprir escrupulosamente a legalidade e os principios deontolóxicos, evitando "arbitrariedade e discrecionalidade" nos tempos de atención, e reclama que se realicen de inmediato as probas de Mar e das demais persoas que se atopan na mesma situación, dotando o servizo dos recursos necesarios para garantir unha atención sanitaria en condicións de igualdade.