Un país avellentado: máis persoas de 80 ou máis anos que crianzas menores de 9

O noso país ten uns dos índices de fecundidade (número de fillos e fillas por muller ao longo da súa vida fértil) máis baixos de Europa, e minguando.

Un país avellentado como poucos e sen trazas de que a tendencia reverta. Galiza xa ten máis habitantes con 80 ou máis anos que crianzas menores de 9 anos de idade. Unha situación insostíbel a medio e longo prazo tanto economica como social e demograficamente. A 1 de xaneiro de 2016 había, indican os datos do IGE, 224.989 persoas con 80 anos ou máis. Pola contra, só 217.673 con menos de 9 anos de idade. Un diferencial de 7.316 persoas.

Se axustamos máis os dados atopamos que no país hai 108.813 galegos maiores de 85 anos por 104.813 menores de 5 anos. No 2014, nesta comparación aínda gañaban os nenos: 108.093 por 103.516 habitantes de 85 ou máis idade. Se retrocedemos a 2005, os nenos menores de 5 anos eran 101.700, polos 71.000 galegos que superaban os 85.

As proxeccións a curto prazo feitas polo INE para Galiza indican que para o 2024 máis do 27% das e dos galegos van ter máis de 65 anos de idade. E tal e como indica o Instituto Galego de Estatística (IGE), o índice de envellecemento previsto para aquela é do 182%, o que significa que naquela altura por cada 100 menores de 20 anos que haxa en Galiza haberá 182 maiores de 64.

Se axustamos máis os dados atopamos que no país hai 108.813 galegos maiores de 85 anos por 104.813 menores de 5 anos

O Anuario Rexional editado por 'Eurostat', a oficina estatística da Unión Europea, sitúa Galiza entre as rexións europeas que teñen o índice de fecundidade máis baixos. Con Asturies, Canarias (Estado español) e Madeira (Portugal).

En Galiza o índice de fecundidade é de 1,07, moi afastado do que organismos internacionais marcan como mínimo necesario para garantir o relevo xeracional, é dicir, a fecundidade necesaria para garantir a substitución dunha xeración por outra de igual tamaño. É o que se denomina a taxa de reemprazo xeracional e está no 2,1. En Galiza estamos na metade. Ademais, empeoramos, porque en 2011 esa taxa era do 1,12, superior á que temos agora, catro anos despois.