Medio Ambiente

78% da Galiza respirou ar contaminado por ozono ao longo deste ano

En 2023, porén, rexistrouse o menor número de superacións da recomendación da OMS da década. (Foto: NASA)
Só A Coruña e Pontevedra cumpren "formalmente" a obriga de estabelecer zonas de baixas emisións para mitigar o cambio climático, censuran desde Ecoloxistas en Acción.

Nada menos que oito de cada dez galegos e galegas respiraron ar contaminado por ozono no que vai de ano. Foi, máis concretamente, 78% da poboación total do país, segundo se desprende do informe A contaminación por ozono no Estado español durante 2023, presentado esta cuarta feira por Ecoloxistas en Acción e que analiza datos recolleitos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro en 32 estacións de control da contaminación atmosférica da Galiza —case medio milleiro a nivel estatal— pertencentes ás redes de vixilancia da calidade do aire da Xunta e doutras institucións.

Segundo o citado documento, até 2,1 millóns de persoas respiraron aire contaminado por ozono troposférico durante a primavera e o verán do presente ano, a pesar de que, por outra parte, se reduciron as superacións da marca recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 40% a respecto da media do período 2012-2019.

Sobre o ozono, explica que é un contaminante "moi complexo", que non ten unha "fonte humana directa", senón que se forma "na superficie terrestre en presenza de radiación solar pola combinación doutros contaminantes denominados precursores". No caso concreto da Galiza, desde Ecoloxistas explican que as principais fontes de precursores de ozono son o transporte e a maquinaria, a gandaría intensiva, os fogos rurais, o uso de disolventes e a combustión non industrial". Trátase, engaden, dun contaminante "típico" da primavera e o verán pola súa maior frecuencia.

Debido ás características climáticas do país, con "altas precipitacións e baixa radiación solar", a formación de ozono é "moderada" en comparanza con outros territorios da península ibérica nos que si se rexistraron no período froito do estudo "concentracións elevadas" deste gas. "Durante 2023 rexistrouse o menor número de superacións da recomendación da OMS da última década, coa excepción dos dous anos da pandemia —2020 e 2021—", salienta a organización ecoloxista, que precisa tamén que o ar contaminado por ozono afectou neste 2023, en maior ou menor medida, "toda a poboación e o territorio" da Galiza... "excepto as áreas urbanas de Lugo, Pontevedra e Vigo, que quedaron por baixo dos tres días de superación do valor recomendado", matiza o  informe.

"Transcorridos nove meses desde o fin do prazo outorgado por lei para que os municipios de máis de 50.000 habitantes estabelecesen zonas de baixas emisións para mitigar o cambio climático, só A Coruña e Pontevedra cumpren formalmente esta obriga legal na Galiza", censuran.

As principais vías de actuación para reducir a contaminación do ar por ozono, apunta a entidade, son, principalmente, "diminuír a mobilidade motorizada e penalizar fiscalmente os vehículos diésel, unha moratoria para as macrogranxas e a ecoloxización da produción gandeira, substituír os disolventes orgánicos por auga, unha despregadura ordenada das enerxías renovábeis e unha Área de Control de Emisións no Atlántico Nordés para reducir as emisións do tráfico marítimo".