Outubro inicia as homenaxes o Che Guevara no 50 cabodano do seu asasinato

Foto: Comité Nacional Galego de Homenaxe ao Che Guevara

Organizacións galegas dos ámbitos político, sindical e social únense á convocatoria internacionalista do Goberno boliviano para divulgar a súa figura e pensamento con palestras e conferencias por toda Galiza. 

O Comité Nacional Galego de Homenaxe ao Che Guevara inicia este outubro as actividades para homenaxear a figura do revolucionario no 50 cabodano do seu asasinato en Bolivia. O Comité -integrado por UPG, BNG, MGS, FOGA, PCPG, CIG, Asociación de Solidariedade con Cuba Francisco Villamil, Fruga, Mar de Lumes, Xuventudes Comunistas de Galiza, PCG, Galiza Nova e Isca- recolle o chamamento internacionalista do Goberno boliviano para rememorar a súa figura nesta efeméride.

 

Con palestras abertas ao debate nas sete cidades galegas e en diversas vilas e coa proxección de “Cuando pienso en el Che (testimonio de Fidel Castro)”, buscan “recuperar o pensamento de quen foi un dos humanistas e revolucionarios máis importantes do século XX fronte á mercantilización da súa figura por parte de aqueles contra os que sempre loitou”. A inicial terá lugar o próximo 10 de outubro na Libraría Pedreira en Compostela ás 20:30 h. 

 

O Comité Nacional Galego de Homenaxe prepara tamén distintas conferencias co obxectivo de poñer en valor a súa figura. A primeira delas estará impartida pola socióloga e historiadora cubana María del Carmen Ariet, Coordenadora do Centro de Estudos Che Guevara da Habana, o 19 de outubro na Facultade de Filosofía da USC. 

 

Segundo apunta o Comité en nota de prensa, “a figura e o pensamento de Ernesto Che Guevara son merecentes de divulgación, estudo e homenaxe, debido á súa traxectoria de loita, á súa práctica internacionalista e á leitura dialéctica do marxismo que realizou, comprendendo que a loita dos pobos pola súa liberdade está indisolubelmente unida á loita polo socialismo".

 

No mes de febreiro, está previsto un festival na memoria do revolucionario no Teatro Principal de Compostela con referentes dos ámbitos sociais e culturais da Galiza. O Comité chama así a todas as organizacións galegas que concorden cos seus obxectivos a sumarse e participar na iniciativa.