Outras dúas mortes elevan a seis a cifra de falecementos na cuarta feira

Test rápido da COVID-19. (Imaxe: Europa Press).

Por vez primeira en catro meses, as autoridades sanitarias comunican máis de catro falecementos nunha mesma xornada. E é que na última hora da cuarta feira aumentaron a seis o número de persoas mortas coa Covid-19.

A Consellaría de Sanidade informou do falecemento nas últimas horas na Galiza doutras dúas persoas con coronavirus, co que xa son seis as mortes notificadas esta cuarta feira polas autoridades sanitarias e 650 o total de decesos relacionados coa Covid-19 desde o inicio da pandemia,

Segundo a Xunta, trátase de dous homes de 92 e 74 anos, ambos os dous con patoloxías previas, que se atopaban ingresados no Hospital Clínico de Santiago e no Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Así, este 2 de setembro non só é o día até a data con máis persoas falecidas coa Covid-19 desde o agravamento da pandemia nas últimas semanas, senón tamén a xornada na que a Consellaría de Sanidade comunicou unha cifra superior a catro falecidos nos últimos case catro meses.

En concreto, desde o 5 de maio, cando se comunicaron 9 mortes coa Covid-19.

Os falecementos foron subindo nas últimas semanas, co incremento de surtos e co aumento de contaxios.

Un dos últimos gromos rexistrados é o do Multiusos do Sar, en Compostela. Os casos positivos son xa 30, segundo informaron a última hora desta terza feira fontes da área sanitaria de Compostela.

Segundo os datos de hoxe, Galiza rexistra 3.847 casos positivos e activos pola Covid-19. Debido ao empeoramento da situación, o Goberno galego decretou novas restricións que afectan a Compostela, Ourense, Santa Comba, Carballo e A Laracha.