Outra primavera de pragas: a volta da bicharía

Tras o inverno, na primavera ten lugar o espertar biolóxico dos insectos. Comeza o seu período máis activo e con el empezan a aparecer as primeiras xeracións. Axiña se deixan ver en árbores, plantas e cultivos, sobre todo, os danos dos que son capaces. Son pragas que poñen en alerta as propietarias e propietarios, mais tamén os investigadores fitopatolóxicos e aos servizos de sanidade vexetal. Moitas son habituais e teñen tratamento fitosanitario; outras son exóticas, voraces, e moito máis difíciles de erradicar.

O clima húmido e temperado da Galiza convértea no lugar ideal para o desenvolvemento natural de calquera bacteria, fungo ou patóxeno propio do noso ecosistema ou alleo a el. Hoxe viaxamos máis. En poucas horas podemos atravesar medio mundo e estar de volta na casa con material infectado sen que nos deamos de conta. O vaivén constante de persoas e mercadorías facilita a entrada de pragas canda a particulares e contedores, grazas ao tránsito comercial en zonas portuarias.

 

Pero non só, apunta Carmen Salinero, xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro. “As pragas tamén poden chegar nunha nube. Un pulgón pode viaxar moi lonxe grazas a elas, e como temos esta climatoloxía tan boa, hai grandes posibilidades de que quede entre nós; que conviva, sen máis, ou que se desenvolva como praga”.

 

Estamos no tempo dos pulgóns e dos ácaros. Os da camelia convén tratalos agora para non ver afectada a produción do ano que vén. Axiña aparecerán as primeiras manchas provocadas polo oídio das maceiras, o do carballo, o mildeu das viñas; a áltica que nos últimos anos causou danos importantes en carballeiras do interior de Galiza. Son pragas habituais que se poden chegar a controlar con fitosanitarios específicos que o Ministerio de Agricultura actualiza cada pouco na súa web, así que se teñen pensado aplicar algún produto cómpre consultar o rexistro para certificar que non está prohibido.

 

O verme dos ameneiros

 

Os praguicidas adoitan ser preparados daniños para a fauna silvestre, nomeadamente a acuícola. No Barco de Valdeorras, os amieiros do paseo do Malecón vense atacados estes días por unha praga de Agelastica alni, un coleóptero moi voraz que tanto na súa fase larvaria como adulta se alimenta das follas. O caso é que hai produtos para combater a concentración tan alta de bichos na zona, pero a proximidade do río Sil desaconsella o seu uso. Non se poden utilizar.

 

As condicións meteorolóxicas dos últimos meses adiantaron a aparición deste escaravello, e son, di Carmen Salinero, as responsábeis doutros riscos. “As sarabiadas de días atrás causaron feridas mecánicas nas follas, nos brotes e nas xemas das plantas. Con toda a humidade e a suba inmediata das temperaturas calquera fungo pode entrar e arruinar os cultivos se non se trata”.

 

A suba das temperaturas tamén propiciou que as eirugas invernantes da bolboreta do buxo iniciaran a súa actividade devorando sebes enteiras. A Cydalima perspectalis, o papabuxos, é unha especie invasora moi voraz da que se soubo en 2014 e que se estendeu axiña por todo o país. É a causante de grandes perdas, pero pódese conter con praguicidas.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 344 do semanario Sermos Galiza en papel, á venda na loxa e nos quiosques]