BNG e PSdeG demandan actuacións

A exclusión social afecta 470.000 persoas na Galiza

Voluntarios no banco de alimentos de Vigo durante a pandemia.
BNG e PSdeG piden no Parlamento acción contra a exclusión social. Reclaman novas políticas sociais, económicas e de emprego.

Coincidindo co Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o pasado día 20 o Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade unha declaración institucional na que todos os deputados e as deputadas galegas reiteraron o seu compromiso coa necesidade de seguir avanzando na loita contra a pobreza e a exclusión social, unha situación na que, en 2019, "se atopaba 24,3% da poboación galega".

A declaración, promovida pola a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galiza), advirte que a crise social e económica provocada pola Covid-19 afecta directamente a persoas e familias con factores de risco engadidos e incide en que as medidas máis eficaces na loita contra a escaseza e a exclusión son as máis afastadas do asistencialismo.

Oito días despois dese compromiso unánime dos parlamentarios e parlamentarias galegas a combater a transmisión da pobreza en todo o territorio, a Cámara galega acolleu un debate sobre a situación de desigualdade que atravesa o país a través de senllas iniciativas do BNG e do Partido Socialista no marco da comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos.

Consolidación da pobreza

Segundo os últimos datos achegados polo informe Foessa (Fomento de Estudos Sociais e Socioloxía Aplicada), a exclusión social está "enquistada" con 470.000 persoas ao bordo da expulsión, 17,4% da poboación, a metade en risco crítico, expuxo o BNG. A formación nacionalista presentou, ademais, as cifras recollidas no documento O estado da pobreza na Galiza 2019, elaborado por EAPN Galiza. O informe apunta a que 23% da poboación galega -622.294 persoas- estivo en risco de pobreza ou exclusión social en 2018 e que até 4,8% atopouse en situación de pobreza severa con ingresos inferiores aos 370 euros mensuais.

O BNG defendeu que a política económica dos sucesivos Gobernos do PP na Galiza "trouxeron como consecuencia a consolidación da pobreza e da exclusión social, xerando máis desigualdade e un grande impacto na degradación da cohesión social". Neste sentido, a irrupción da Covid-19 agravou unha situación xa magoada pola crise económica de 2008 e a ausencia dun plan económico capaz de activar os sectores produtivos, polo que chama o Executivo galego a corrixir a súa programación económica co fin de intervir nas consecuencias da desigualdade.

Plan contra a exclusión

Pola súa banda, o PSdeG instou a Xunta "elaborar inmediatamente un plan de actuación contra a pobreza e a exclusión social, con orzamento, prazos e accións concretas e medíbeis, que permitan reverter a preocupante situación dos fogares galegos" que debe ser contemplado xa na elaboración dos orzamentos do exercicio 2021. Unha proposta rexeitada polo PP.

Segundo sinalaron os socialistas, o indicador de persoas en risco de pobreza e/ou exclusión elaborado polo Instituto Nacional de Estatística, en 2019 aumentaron en 33.000, até as 655.729. Da mesma forma, incrementáronse os fogares que teñen dificultades para chegar a fin de mes, os que contan con todos os seus membros no paro ou non teñen ingresos.

O Partido Socialista defendeu o emprego como "a ferramenta determinante" para saír da pobreza, mais asegura que a enquisa de condicións de vida do INE reflicte que "as persoas accederon de forma moi limitada a un traballo nos anos da recuperación económica anteriores ao confinamento", que ademais foi de baixa calidade e en condicións de precariedade laboral. Uns datos, engadiu, que "pon de manifesto o fracaso das políticas económicas e de emprego da Xunta do PP, que no canto de contribuír a diminuír as desigualdades incrementaron a fenda inicialmente existente".