Ourense, única cidade do país sen actos institucionais polo Orgullo

O Pleno do Concello aprobou unha moción en xullo de 2018 para converter Ourense nunha cidade "LGTBI Friendly" (Foto: Twitter / @jesus_ourense)

Nun comunicado, o grupo socialista ourensán criticou ademais que o alcalde aínda non convocase o Consello Municipal de Igualdade. Paralelamente, a sociedade civil organiza diversos actos estes días até o vindeiro 28 de xuño. 

O PSOE de Ourense criticou que esta cidade sexa "a única" das sete urbes do país sen actos de celebración para conmemorar o Día do Orgullo 2021, e censura o "desprezo" do goberno local ao colectivo LGTBI.

Nun comunicado enviado aos medios, os socialistas instaron o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, "a levar a cabo unha programación de actos seguros e en cumprimento das medidas anticovid".

O grupo municipal puxo como exemplos "exposicións fotográficas" ou "proxeccións de películas" relacionadas co Día Internacional do Orgullo. Son estas algunhas das propostas que o grupo municipal do PSOE presentou no Concello para que Ourense conte cunha programación específica para esta conmemoración.

Os socialistas tamén suxeriron actuacións musicais no casco histórico durante a semana do 28 de xuño ou a iluminación da Ponte Romana coas cores da bandeira arco iris, símbolo do colectivo.

O PSOE criticou ademais que o alcalde ourensán aínda non convocase o Consello Municipal de Igualdade. Por último, lamentou que Democracia Ourensá e Pérez Jácome continúen co "proceso de desaparición das políticas igualitarias" que o Partido Popular "iniciou hai máis de seis anos".

Actos en paralelo

Paralelamente, a sociedade civil organizou diveros actos para estes días, que deron comezo xa a pasada quinta feira, 17 de xuño e que se estenderán até o 28. Nese día está prevista unha marcha que partirá desde a estatua de Eduardo Blanco Amor situada nos xardíns de Bispo Cesáreo.

O Pleno do Concello aprobou unha moción en xullo de 2018 para converter Ourense nunha cidade "LGTBI Friendly". Esta, ademais de prever a elaboración dun Plan Municipal de Prevención do Acoso homofóbico, bifóbico, e transfóbico na cidade, tamén incluía a creación dun Foro Turístico Municipal LGTBI co fin de facer de Ourense un destino preferente e de referencia para colectivo LGTBI.