Ourense, única área na que soben os casos activos de Covid-19

Persoal sanitario durante a realización de probas PCR (Ricardo Rubio / Europa Press).
Galiza rexistra catro falecementos e 217 novos positivos, 97 deles en Ourense.

O número de casos activos de Covid-19 na Galiza sitúase en 4.038, 54 mesmos que na xornada anterior. Así o recolle o último informe divulgado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade. Deles 819 son da área da Coruña, 493 da de Lugo, 946 da de Ourense, 689 da de Pontevedra, 445 da área de Vigo, 530 da de Santiago e 116 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 36 están ingresados en UCI, un máis, 192 en unidades de hospitalización, dous menos, e 3.810 permanecen en seguimento domiciliario. Sanidade informa, ademais, de que o número de persoas curadas ascende a 19.981, o número de PCR realizadas é de 504.922 e o número de doentes falecidas é de 755.

Mortes

Nas últimas 24 horas Galiza rexistrou catro mortes máis de pacientes con coronavirus. rexistro de falecementos incorpora catro novas mortes.

Trátase dun home de 93 anos que estaba ingresado no Hospital Lucus Augusti de Lugo, doutro home de 89 anos que estaba hospitalizado no Complexo Universitario de Ourense, outro home de 87 ingresado no Hospital Clínico de Santiago e dunha muller de 83 anos ingresada no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Todos, indican, con patoloxías previas.

Ourense

Dous días despois de que Sanidade endurecese as medidas de restrición que pesan sobre a cidade das Burgas, a área sanitaria de Ourense segue a rexistrar os datos máis negativos.

O número de casos activos baixou nas última xornada en todas as zonas salvo na de Ourense. Rexistráronse 97 novos positivos, a cifra máis alta no que vai de segunda vaga, e suman 55 casos activos máis. Son, en total, 946, dos cales, 72 permanecen ingresados, oito deles, na UCI, e 874 recupéranse no seu domicilio baixo seguimento.

O Hospital de Verín rexistra 12 ingresos e o do Barco de Valdeorras, cinco.

Residencias

Polo que se refire ás residencias de maiores, o número de usuarios e traballadores afectados non varía con respecto á xornada anterior. Hai 301 persoas usuarias con coronavirus en 13 centros e 113 profesionais, pertencentes a 36 centros.

A residencia DomusVi Outeiro de Rei segue a ser a que máis casos ten con 131 residentes con Covid-19 e 21 traballadoras contaxiadas, seguida polo centro da Fundación San Rosendo no Incio con 42 e 20 casos respectivamente.