Investigan tres presuntos autores dun delito de 'sextorsión' en Ourense

A Garda Civil trasladou o caso aos Xulgados de Ourense. (Foto: Europa Press)
A vítima recibiu "numerosas chamadas e mensaxes" ameazantes.

Axentes da Garda Civil de Ourense levaron a cabo unha investigación que, tras solicitar e analizar a información existente, finalizou agora con tres persoas investigadas como presuntas autoras dun delito de coacción. Ou, de forma máis concreta, de 'sextorsión'.

Segundo trasladou a Garda Civil nun comunicado, a investigación comezou por mor dunha denuncia interposta no cuartel de Ourense, na que o prexudicado sinalou que recibira chamadas e mensaxes ameazantes.

Deste modo, a nota indica que a vítima explicou que estas ameazas chegaron a través dunha rede social e que proviñan de varias liñas de telefonía móbil diferentes.

A vítima, coaccionada, transferiulles aos investigados case 2.000 euros

Así, o afectado explicou que, tras non acudir á cita concertada, recibiu "numerosas chamadas e mensaxes e, temendo pola súa integridade física, realizou varias transferencias por un importe total de 1993,98 euros".

Estas actuacións propiciaron a apertura dunha investigación a tres individuos, naturais de Marrocos, Bolivia e República Dominicana, respectivamente, como supostos autores dun delito de coaccións. As dilixencias correspondentes foron remitidas xa ao Xulgado de Instrución de Garda de Ourense.

Enténdese este caso de 'sextorsión' como a chantaxe por parte dun ciberdelincuente para que a vítima realice unha determinada acción ou entregue unha cantidade de diñeiro baixo ameaza de publicar ou compartir imaxes íntimas dela mesma.