Ourense sae á rúa para exixir un cambio de rumbo

(Foto: Rosa Veiga)
MIles de persoas tomaron parte na mobilización

Milleiros de ourensás saíron á rúa na tarde da quinta feira para esixirlle ao alcalde do concello, Gonzalo Pérez Xácome, que rache coas políticas que o seu Goberno leva a aplicar nos dous últimos anos -que seguen a tendencia marcada polo Partido Popular cando gobernaba Ourense- e que aposte por un "cambio real" para mellorar as condicións "pésimas" da cidade.

A manifestación, que foi convocada pola plataforma de colectivos sociais, económicos e culturais do concello SOS Ourense, tivo como punto de partida a praza fronte á Subdelegación de Goberno en Ourense.

Por volta de 3.000 persoas tomaron parte na marcha. Encabezados por unha faixa na que podía lerse SOS Ourense e co son ambiente dun electrocardiograma para representar o estado "grave" no que, segundo denuncian, está a cidade e a provincia, os manifestantes proclamaron consignas como "Somos cultura, somos movemento" ou "O amor pola cidade é pensar nela".

Os asistentes, algúns disfrazados con máscaras do propio Xácome ou do presidente provincial, Manuel Baltar, e o xefe do Executivo galego, Núñez Feixoo, corearon lemas como "Alcalde, escoitar ao pobo é máis barato que pagar asesores", "Alcalde, por obra, dinos canto cobras" ou "Baltar, cacique; Ourense vai a pique".

Finalmente foron 71 os colectivos que decidiron formar parte da plataforma, despois de que nas últimas horas cinco entidades tomaran a decisión de desligarse de SOS Ourense.

Foron a Federación Limiar, Amigas das Cegoñas, Fundación Cum Laude, Plataforma Pro Campus e Asociación de Defensa e Promoción do Patrimonio Cultural Ourensán; que se deron de baixa despois de que rexedor de Ourense acusara a plataforma de "ser un engano masivo" e de estar liderada por "grupos de extrema esquerda" que só queren "a dimisión".

31 colectivos son veciñais

Voceiras de SOS Ourense volvían afirmar na mañá da cuarta feira que as acusacións de Xácome "están infundadas" e "baleiras de toda veracidade". Entre as 71 asociacións que onte se manifestaron nas rúas da cidade, case a metade, uns 31 colectivos, son entidades veciñais.

Os comerciantes da Praza de Abastos tamén secundaron a concentración para pedir maior apoio e protección por parte do concello. As organizadoras da plataforma estiveron desde a súa presentación o 5 de novembro a facer un chamamento público á cidadanía para que participase e alzase a voz.

Tamén explicaron que a manifestación de onte non era contra Xácome nin contra Democracia Ourensá en particular, senón que buscaba afondar no abandono sistemático e sostido ao que está sometida a cidade. Co foco posto no concello de Ourense, criticaron que as políticas exercidas polo PP tanto na Deputación como no consistorio -e mantidas no tempo polo actual primeiro edil- "están a facer esmorecer a cidade pola que tanto amor temos".