PRESENTACIÓN DE “GALIZA 1968”

Ourense resgata a súa memoria rebelde

A capa do monográfico é obra do ilustrador Leandro Lamas

O café cultural Auriense acolle a cuarta feira 21 de novembro ás 20.30 horas a presentación do volume Galiza 1968. A consciencia avivada, nun acto no que participarán Nemesio Barxa, coautor da publicación e avogado dos labregos de Castrelo, Alfredo Suárez Canal, fundador de ERGA durante o franquismo, e Luísa Escudero, fundadora e directiva da asociación cultural Abrente.

A cuarta feira, 21 de novembro, ás 20.30 horas terá lugar no café cultural Auriense a presentación do monográfico editado por Sermos Galiza S.A. e coordinado polo estudoso Xosé Ramón Ermida Meilán Galiza 1968. A consciencia avivada. Unha publicación que, en palabras da A.C. Auriense, “convoca a unha viaxe pola Galiza que espertaba na noite franquista, recuperando a memoria da rebeldía dunha xeración”.

 

A reorganización na clandestinidade das correntes políticas antifranquistas, a posta en marcha dun vizoso movemento cultural dedicado á defensa e divulgación da cultura galega, a revolta dos labregos do Val de Castrelo contra a política hidroeléctrica de Fenosa, as protestas dos universitarios composteláns ou a aparición de Voces Ceibes son algúns dos temas dos que se ocupa o volume.

 

A publicación editada por Sermos Galiza na colección “De Nos” recolle unha serie de traballos dalgunha e dalgún dos protagonistas directos daqueles feitos, entre eles Nemesio Barxa, na altura un novo avogado ourensán que traballa no despacho de Amádeo Varela e que non tardaría en ser elixido primeiro presidente da asociación cultural Auriense. O traballo de Barxa repasa a loita dos labregos do Val de Castrelo contra o encoro proxectado por Fenosa que remataría por anegar un dos espazos máis ricos da comarca e que daría pé a unha das primeiras e máis sostidas loitas contra o réxime franquista na Galiza.

 

O artigo de Nemesio Barxa resgátase o xantar despedida organizado a Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma o 15 de maio de 1966 con motivo da súa marcha a Venezuela. O acto, impulsado por unha comisión de galeguistas ourensáns encabezada por Amádeo Varela, avogado dos labregos de Castrelo e militante na altura da UPG, e Luís Soto, cadro importante deste partido exiliado en México, converteuse nunha xornada de loita contra o encoro e é considerado o primeiro mitin organizado na Galiza após 1936 contra o franquismo. As intervencións correron a cargo de importantes vultos da cultura galega e do antifranquismo, significándose a intervención de Otero Pedrayo que denunciou o feudalismo eléctrico de Fenosa.

 

Alfredo Suárez Canal recuperará a loita dos estudantes galegos contra o franquismo e o seu papel na oposición ao réxime. Importante dirixente estudantil na década dos setenta, analizará o proceso de conformación da alternativa nacionalista nos anos finais da ditadura e as dificultades que debeu confrontar para asentarse na sociedade.

 

As protestas e axitacións da segunda metade da década dos sesenta, onde a loita de Castrelo acada un lugar simbólico, son algúns dos síntomas dun novo tempo na sociedade galega que acadará o seu momento álxido no segundo quinquenio da década dos setenta, xa convertido nun amplo movemento de masas de orientación democrática e galeguizadora.

 

Luísa Escudero, fundadora e directiva da asociación Abrente de Ribadavia, fará un percorrido polo importante labor desenvolvido polas agrupacións culturais galegas durante a ditadura na defensa da lingua e da cultura galega. As entidades como Abrente en Ribadavia, Os Cigurros na Rúa, Avantar no Carballiño, Os Choupos en Verín ou Ariense en Ourense foron pezas chaves na articulación dunha conciencia galega e na conformación dun estado de opinión democrático. Ao tempo, a carón destes colectivos puxéronse en pé importantes iniciativas culturais, sinalándose para o caso da asociación Abrente de Ribadavia a posta en marcha en plena ditadura da Mostra de Teatro de Ribadavia, todo un referente da actividade dramática en Galiza.